
O Centro Galego de Arte Contemporáneo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece o 11 de setembro ás 21 horas un concerto de blues experimental a cargo do músico Bill Orcutt. A entrada para este evento, que terá lugar no auditorio do museo compostelano, será de balde ata completar o aforo.
Bill Orcutt, cunha formación musical completamente intuitiva e autodidacta, está considerado por moitos dos seus contemporáneos como un dos guitarristas máis innovadores no terreo do blues. Entra a inicios dos noventa na escena punk-rock e hardcore norteamericana no grupo Harry Pussy, onde tocaba unha guitarra de catro cordas cun estilo de punteado hardcore-blues, mesturado ademais con rock e flamenco.
Nunha entrevista Orcutt confesou: Eu non son mais ca un tipo que anda á procura do seu propio camiño tocando blues. Esta premisa é a responsable de revivir o ánimo que agrupou a varios músicos do pasado século, os cales, a través da elaboración xenérica, consumaron obras singulares con marcas de autoría inequívocas desde Lightnin´ Hopkins a Mississipi Fred McDowell e Robert Johnson; pero tamén John Fahey, Screamin´ Jay Hawkins, Jimi Hendrix, Derek Bailey ou Keiji Haino.
Os seus álbums máis recentes son Way Down South (2010) e How the Thing Sings (2011). Asemade, o seu traballo A New Way to Pay Old Debts (2009), foi elixido mellor álbum do ano pola revista especializada The Wire.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.