
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou na súa visita á fábrica de cerámica de Sargadelos (Cervo) que o respaldo da Xunta ten permitido o mantemento do emprego na planta mariñá, apoiando o plan de expansión comercial da empresa con axudas que suman máis de 1.300.000 euros.
Guerra, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, salientou que o impulso da Consellería á estratexia exterior de Sargadelos impulsou a posta en marcha de novas accións comerciais e a activación dun departamento de internacionalización, grazas ao apoio dun xestor de exportación facilitado polo Igape, a través do cal se está estudando a apertura a novos mercados emerxentes.
Ademais, o acordo de colaboración entre Sargadelos e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) permitiu a promoción a nivel nacional e internacional da artesanía e da cerámica galega.
O conselleiro recordou que Economía e Industria, que está a impulsar a transformación do tecido produtivo galego potenciando a mellora da competitividade, a innovación empresarial e a internacionalización, salientou que a Xunta presta apoio a empresas que están atravesando dificultades económicas e necesitan financiamento sempre que os seus plans de viabilidade garantan o seu futuro.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que Sargadelos é un emblema histórico no desenvolvemento industrial de Galicia e supón un importante motor económico para toda a zona e asegurou que pese ás actuais circunstancias económicas, parece que a empresa emprendeu xa o camiño para a súa recuperación e crecemento. Algo para o que, como manifestou o conselleiro contaron coa axuda da Xunta pero tamén é imprescindible o compromiso por parte dos propietarios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.