Por exemplo, implicará que os redactores das delegacións da Radio Galega
terán que traballar en réxime de autocontrol, dado que os técnicos de son
que obtiveron recentemente a súa praza téñena en Santiago.
A CRTVG ten incorrido no pasado en numerosas irregularidades na súa
política de contratación, o que conduciu á presentación de centos de
denuncias de traballadores, que na súa maioría ganaron o xuízo. Unha
situación complexa que o recente proceso selectivo dificilmente podía
solventar de maneira satisfactoria. O Colexio agarda que rematen na CRTVG
as arbitrariedades e as chapuzas en materia laboral e recorda que a
contratación en precario afecta directamente á calidade do traballo
xornalístico e ameaza a independencia coa que todos os medios, e
especialmente os públicos, deben desenvolver o seu labor.
O Colexio quere lembrar que desde o inicio das súas emisións, en 1985, a
Televisión de Galicia e a Radio Galega cumpren unha importante función
social. Convertéronse nun dos principais axentes normalizadores da nosa
lingua e en importantes difusores da cultura propia e contribuíron a
garantir o dereito dos cidadáns a recibiren unha información plural, veraz
e independente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.