
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a ampliación da sede central de Inditex e o feito de que Pemex teña un compromiso cos estaleiros privados e públicos galegos demostra que Galicia é unha comunidade solvente, fiable e apta para calquera emprendedor, por grandes que sexan as súas expectativas.
Durante a visita ás obras de ampliación do edificio da firma galega, que supón un investimento de máis de 100 millóns de euros e a creación de 400 novos postos de traballo, afirmou que somos un país no que se pode confiar e iso é un motivo de orgullo para toda a nosa sociedade.
Feijóo subliñou que fronte a aqueles que pensaban que sobre Galicia pesaba unha antiga maldición, que a facía menos propicia para a actividade emprendedora, Inditex é un extraordinario desmentido; basta dixo- con repasar a evolución histórica desta firma, con coñecer os proxectos de futuro ou as súas previsións.
O titular da da Xunta afirmou que lonxe diso, e entre as moitas causas que permitiron a Galicia rexurdir, están persoas como as que fixeron posible este gran proxecto empresarial. Persoas capaces de estender Galicia polo mundo, e de traer o mundo a Galicia. Contamos con emprendedores capaces de espertar, avanzar e soñar.
O presidente do Goberno galego finalizou a súa intervención desexando que esta nova obra axude a que se nos coñeza mellor, a que se vexa Galicia como unha ventá que abre Inditex ao mundo para coñecer este córner de Europa, chea de homes e mulleres traballadores, comprometidos e fieis ao traballo, comprometidos coa calidade e coa internacionalización da nosa economía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.