Esas once persoas serán despedidas dentro de seis meses, se nese tempo a empresa non consegue beneficios. Algúns dos afectados teñen máis de vinte anos de antigüidade.
A Xunta de Goberno entende que este ERE prexudica á calidade da
información porque desaparece a delegación do Morrazo, co que quedará
desatendida unha ampla zona de especial relevancia informativa. Asimesmo, os redactores terán que buscar as imaxes para as informacións, e ao tempo encargarse dos contidos da páxina web, uns cometidos multitarefa que non van acompañados desgrazadamente nin cun incremento salarial e que restarán tempo aos labores de obter e redactar noticias.
Coas baixas e despedimentos sen cubrir dos últimos anos o cadro de persoal queda reducido a trinta e catro persoas, cando hai un ano eran cincuenta. O CPXG solicita de novo que a concesión de subvencións públicas vaia ligada a estabilidade laboral nos grupos editoriais que as reciben, e expresa a súa solidariedade coa plantilla de Atlántico Diario no seu labor de elaborar unha información veraz e de calidade á que ten dereito a sociedade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.