Galicia lidera unha rede transrexional para impulsar a responsabilidade social empresarial. A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha esta iniciativa, que conta co apoio do Fondo Social Europeo, e da que forman parte como socios o Goberno de Navarra, o Cabildo Insular de Tenerife e Uniminho/Associaçao do Vale do Minho Transfronteiriço.
A primeira xuntanza das entidades sociais do proxecto celebrarase mañá en Santiago e servirá como punto de partida para iniciar as diferentes actividades que se levarán a cabo ata decembro de 2013. En concreto, a xornada será unha reunión constitutiva da rede na que se acordará o procedemento de seguimento das actuacións comprometidas e se detallarán as primeiras accións para este ano 2012.
Estímase que máis de 200 empresas beneficiaranse das diferentes actuacións que se leven a cabo e que se desenvolverán nas catro rexións adheridas á rede.
O obxectivo principal desta rede será realizar un labor de fomento e promoción da Responsabilidade Social Empresarial en consonancia coas medidas de impulso xa incluídas no Plan Estratéxico Galego de RSE 2012-2014, que se está a ultimar no seo do Diálogo Social de Galicia. Esta iniciativa será un punto de referencia nesta materia polo seu carácter transrexional. Apostarase, ademais, por novas fórmulas de promoción da RSE adaptadas ao contexto económico actual.
Entre as actividades do proxecto destacan o desenvolvemento de análises para pulsar o estado da RSE nas rexións que integran a rede; a difusión dos resultados a través das redes sociais; o deseño e creación dun centro transrexional de coñecemento para o encontro e o intercambio de experiencias entre as empresas implicadas; ou a edición de boletíns periódicos de información sobre Responsabilidade Social Empresarial.
Así mesmo, está previsto levar a cabo accións formativas on line dirixidas a xerentes e directivos de empresas, así como a persoas das administracións públicas e a organización de círculos de traballo con empresas coa finalidade de identificar melloras na promoción deste ámbito.
Por último, tamén destaca a elaboración dun plan de mellora conxunto de novas iniciativas de promoción por parte das administracións públicas, a celebración dun foro transrexional para promover o intercambio de experiencias e a creación dun banco de experiencias prácticas en RSE.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.