
Andrés Barbé Riesco, presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e Jesús Lage Fernández, secretario do Cluster TIC Galicia, asinaron
un convenio marco de colaboración entre ambas as dúas entidades asociativas. O convenio permitirá ao Cluster TIC Galicia e ao CLAG desenvolver liñas de colaboración que abranguerán os campos comercial, formativo, científico e tecnolóxico, optimizando recursos, participando en
proxectos conxuntos tanto de ámbito nacional coma internacional, e favorecendo o incremento da competitividade do tecido empresarial galego.
O acordo prevé o desenvolvemento de actividades e iniciativas de cooperación nos seguintes terreos:
Investigación.
Transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
Actividades formativas.
Actividades de difusión.
Identificación de oportunidades e participación conxunta en proxectos de I+D+i.
O convenio marco terá unha duración de dous anos, que poderá ser prorrogada por acordo das partes. Unha comisión de seguimento velará polo cumprimento dos acordos e avaliará os seus resultados.
En relación aos froitos que poderá render o convenio entre o CLAG e o Cluster TIC Galicia, Jesús Lage indicou: Estou convencido de que podemos axudarnos mutuamente a aproveitar mellor os nosos recursos para que as nosas empresas sexan máis fortes, máis competitivas e máis capaces de afrontar con éxito o ineludible reto da internacionalización.
Pola súa banda, Andrés Barbé salientou que nun contexto de caída da industria audiovisual tradicional, a transición cara aos formatos dixitais experimentou unha tendencia crecente durante os últimos catro anos. O presidente do CLAG tamén sinalou que a vertente dixital da industria
audiovisual posicionouse como o verdadeiro motor do futuro do sector.
A rúbrica do acordo tivo lugar no marco da xornada de networking que membros do CLAG e do Cluster TIC Galicia compartiron con asociados de Eganet.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.