Notas de prensa

O sector aposta por unha oferta turística coordinada e diversa para resistir a crise

O presidente da Xunta lembra que un dos principais éxitos turísticos de Galicia, o Xacobeo, xurdiu en plena deflación económica e en medio dunha gran incerteza e avoga por non interromper ese gran exemplo pese aos pésimos tempos.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a aposta decidida por unha oferta turística coordinada e diversa está a permitir unha maior resistencia do sector fronte á crise cun maior peso do turismo no PIB, que medrou un 4,8% respecto a 2009; máis estancia media dos turistas, de 2,25 días en 2010 a 2,26 en 2011; máis gasto diario das persoas que nos visitan, cun incremento do 5,8% respecto a 2010; e máis cota do turismo internacional, que se incrementou un 1,6%.

Feijóo, que presidiu o acto de apertura do foro ‘O futuro do Turismo en Galicia’, organizado por El Correo Gallego, afirmou que nunha etapa histórica na que as posibilidades de elección para o turista aumentaron de forma exponencial, “Galicia debe seguir polo camiño que iniciou desde o principio da lexislatura para distinguirnos no mercado se cabe un pouco máis que ata agora cunha oferta coordinada e diversa –reiterou-, que os datos proban é frutífera”.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta recordou que un dos principais éxitos turísticos de Galicia, o Xacobeo, xurdiu en plena deflación económica e en medio dunha gran incerteza. “O maior revulsivo para o sector turístico da nosa historia non ten a súa razón de ser na casualidade, nin tampouco nace en época de bonanza económica. Foi un invento concibido por galegos en momentos de dificultades, que coñecían o valor do Camiño, que se decataron de que o turismo era un sector cargado de futuro e que soñaron con xogar na primeira división dunha España que pensaba nos Xogos Olímpicos ou na Expo de Sevilla”, resaltou e avogou por non interromper ese gran exemplo pese aos pésimos tempos, desde o punto de vista económico, que nos toca vivir.

Neste sentido, o titular da Xunta subliñou que revitalizar o turismo require dun dobre compromiso: “Por parte da Administración pública, o compromiso de situar o turismo entre as axustadas prioridades da axenda política; e por parte do sector, o compromiso de aplicar o mesmo esforzo de cooperación e de imaxinación que se lle pide ao resto dos sectores produtivos de Galicia”.

As iniciativas que se teñen materializado nos últimos tres anos como o desenvolvemento dun Plan de Acción, cumprido xa nun 50 por cento; a nova Lei do Turismo; a creación da marca Galicia e a posta en marcha de 14 xeodestinos, proban, segundo Feijóo, que a Xunta ten o turismo entre as súas prioridades. Así mesmo, avanzou, nas vindeiras semanas, a presentación doutro dos compromisos asumidos nesta lexislatura, “a agrupación de todos os organismos que entenden de turismo nun único, a Axencia Galega de Turismo, pervivindo e persistindo, por suposto, o Xacobeo”.

Feijóo garantiu o compromiso de seguir traballando co sector para saber temperar as esixencias actuais, logo de incidir en que as nosas posibilidades turísticas teñen precisamente a súa maior fortaleza no feito de que somos unha “unidade diversa”.

“Sería un erro pensar que o noso país é unha mera xustaposición de paquetes turísticos. O destino Galicia non é a simple adición de ofertas sectoriais ou territoriais. En lugar de que cada sector ou territorio actúe á marxe dos demais, preferimos competir conxuntamente no escenario español, europeo e internacional o que non significa que teñamos que presentarnos como unha Galicia uniforme. En poucas terras coma a nosa se mesturan tantas tendencias e conflúen tantas posibilidades. Rías, montes, santuarios, cruceiros, augas termais, faros, murallas, casas rurais, vellos símbolos como a Catedral compostelá e novos como a Cidade da Cultura son manifestación dunha vitalidade turística que Galicia ten, e que temos que ser capaces de poñer cada día en valor”, aseverou.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, destacou que 16 das 56 actuacións do Plan de Acción de Turismo de Galicia 2010-2013 están enfocadas a incrementar a calidade turística do destino e desde a Administración Turística Galega puxéronse en marcha ordes de axudas dirixidas ao sector para incentivar a adhesión ás normas de calidade do ICTE, do mesmo xeito que se fixo unha discriminación positiva no resto das ordes de axudas para aqueles establecementos que renoven, manteñan ou se adhiran aos sistemas de Calidade Turística Española. Por primeira vez en 2011 se publicou unha orde específica para a implantación de normas UNE dotada con 300.000 euros e este ano ven de publicarse unha nova orde valorada en 200.000 euros, que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia.

Segundo destacou a secretaria xeral, a implementación da marca Q repercute na promoción do destino, na fidelización do cliente, asegura satisfacción e incide na transformación cualitativa do establecemento. "A rendibilidade empresarial non se consegue só con un maior número de usuarios turísticos senón tamén mellorando a xestión interna e a implementación de normas de calidade incide directamente neste punto", salientou Carmen Pardo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES