Notas de prensa

Turgalicia presenta en Lugo a Ruta dos Viños de Galicia

O sábado día 26 de maio, 72 adegas das cinco Denominacións de Orixe Protexida ofrecen unha visita guiada polas súas instalacións e unha degustación gratuíta. Un total de 31 restaurantes ofrecen 62 menús enogastronómicos.

A xerente da Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, e mais a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias presentaron no Edificio Administrativo da Xunta en Lugo a Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que se vai a celebrar o vindeiro 26 de maio.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia aprobado o día 3 de maio polo Consello da Xunta, ten por obxectivo pór en valor o enoturismo galego como unha nova aposta de calidade na diversificación das actividades turísticas. A estratexia englóbase na creación de produtos turísticos que van a reforzar e dotar de contido a marca turística de Galicia.

Un total de 72 adegas das cinco Denominacións de Orixe (D.O.) galegas ofrecerán unha visita guiada polas súas instalacións e a degustación dos seus viños con carácter gratuíto durante toda a xornada.

Ademais, 31 restaurantes adheridos a esta promoción especial (6 deles, da provincia de Lugo) ofrecerán 62 menús enogastronómicos diferentes e maridados con viños galegos da D.O. na que se atope o restaurante. O prezo final destes menús é de 25 euros todo engadido e poderase escoller o menú que máis agrade. Para os menores de 12 anos haberá menús infantís a 10 euros.

A xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti explicou que entre os obxectivos desta iniciativa figura tamén o de comezar a divulgar o enoturismo e o novo produto cabeceira de marca Paseando entre viñedos entre os galegos porque o turismo interno é moi importante en Galicia.

No que atinxe á provincia de Lugo, segundo detallou Raquel Arias, por parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participan 10 adegas e 8 restaurantes; 6 destas adegas están radicadas na provincia de Lugo: Abadía da Cova, Algueira, Casa Moreiras, Vía Romana, Mondelo, e Regina Viarum.

O programa especial para a Ribeira Sacra inclúe visitas guiadas gratuítas polo casco histórico de Monforte de Lemos, recalando tamén no Centro do Viño, que ofrece unha degustación ás 5 da tarde.

Varios aloxamentos de turismo rural da Ribeira Sacra teñen preparadas ofertas especiais para a xornada. O tren turístico realizará un tour de dúas horas de duración polos viñedos, saíndo dende Doade (Sober) ás 11.30 e ás 16.30. Así mesmo, os días 25 e 26 de maio haberá descontos do 25% para as visitas guiadas ó románico da Ribeira Sacra.

A delegada territorial sinalou como “un dos obxectivos prioritarios” desta iniciativa o de “reforzar e dotar de contido á marca turística Galicia”, á vez que subliñou que “para a Ribeira Sacra é importante seguir a desenvolver o enoturismo como unha oportunidade de negocio”.

Paquetes turísticos similares aos da Ribeira Sacra desenvolveranse en todas as denominacións de orixe galegas. Ademais dos paquetes tamén haberá entradas gratuítas ao Museo Enolóxico de Ribadavia así como unha cata xenérica e gratuíta sobre os viños do Ribeiro ou ofertas de especiais de aloxamento e viaxes combinadas enoturísticas con empresas especializadas de Valdeorras e O Ribeiro.

Outros exemplos son a Ruta do Viño das Rías Baixas que propón o 1º Desafío Rías Baixas. O visitante terá que descubrir diferentes puntos de interese a través da resolución de retos espallados polo territorio da Ruta. (www.rutasdelvinoriasbaixas.com).

O Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea–ARABO, organiza unha xornada de portas abertas das 11 ás 13.30 e das 17 ás 19 horas, con degustación de viños da subzona do Condado; tamén hai xornada de portas abertas no Museo Etnográfico e do Viño de Cambados; o Concello da Guarda ofrece ás 12.30 horas unha visita ao Monte de Santa Tegra por 1 euro para adultos e 0.50 céntimos para nenos.

O punto de encontro será o Museo Arqueolóxico de Santa Tegra. O Concello de Vedra organiza unha Ruta gratuíta polos Pazos e Xardíns Históricos; en Valdeorras organízanse percorridos a pé ou en quad dende o Castelo do Bolo ao Santuario das Ermidas e no Ribeiro hai iniciativas como o transporte de balde entre Ourense e Ribadavia ou o tour guiado Viño e románico oculto no Ribeiro.

Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia

Durante a presentación da xornada, a xerente de Turgalicia falou tamén do Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia. Carmen Pita quixo resaltar que en Galicia existen un total de 5.298 establecementos de restauración neste ano 2012, 1.574 cafeterías e 21.218 bares.

En Galicia existen 841 industrias agroalimentarias e hai 10 restaurantes con Estrella Michelín e 18 distinguidos con Soles Repsol. Contabilízanse na comunidade máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade. A gastronomía é, despois da natureza, a segunda motivación dos turistas para elixir Galicia como destino.

Pódese consultar toda a información da xornada en www.turgalicia.es Teléfono : +34 902 200 432 | +34 981 542 500 Fax : +34 981 542 659 - e-mail: [email protected].

E tamén nos seguintes enderezos web:

http://www.rutadelvinomonterrei.com/detallenews.php?id=68&news

http://www.rutadelvinoribeirocom/

http://rutadelvinoribeiro.com/?id=172

http://www.rutadelvinoriasbaixas.com/es/jornada-de-puertas-abiertas

http://www.ribeirasacra.org/ca/web/index.php

http://www.rutadelvinovaldeorras.com/detallenews.php?id=53&selid=18

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES