
O galego, que enfrontaba o torneo coma unha proba para medir o seu estado de forma, non desaproveitou a ocasión e logrou facerse co cetro
continental.
A proba estivo marcada polas altísimas temperaturas, tal e coma xa
sucedera no día de onte na categoría feminina. Pero nada de iso puido
con Javi. O segmento de natación foi comandado polo alemán Schwetz,
que non aparecía no grupo de favoritos. A só 15 segundos del remataba
un importante grupo de máis de vinte homes nos que figuraban todos os
favoritos e o galego Iván Raña.
Na bicicleta houbo bastante movemento, creándose diferentes
grupos, e coma sempre Raña, magnífico ciclista, foi un dos máis activos
e incluso tentou unha escapada, pero foi neutralizado. A transición fíxose
co francés Mulai e o danés Schilling destacados con 40 segundos sobre
un numeroso grupo, que ía comandado por Iván Raña.
Na carreira a pe, Gómez Noya, Bryukhankov e Riederer atacan e van
polos escapados, pero o ferrolán rompeu a carreira a marcha en
solitario. Cando rematan a primeira volta das tres que había que dar,
Noya xa era primeiro e destacado e sigue así ata o final aumentando as
distancias cos seus perseguidores.
Javier Gómez Noya chega na primeira posición e proclámase
campión de Europa, por diante do ruso Alexander Bryukhankov (prata),
con 21 segundos de vantaxe, mentres que Iván Vasiliev logra o bronce.
Mario Mola ocupa a sexta posición, Fernando Alarza é 12º e Iván Raña
chega na 16ª posición, demostrando que xa se atopa moito mellor da
lesión no pe.
Fotografía: arquivo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.