
Se ben os datos de ocupación hoteleira do mes de marzo amosan un comportamento máis negativo tal e como acontece tamén no contexto nacional- que o rexistrado en febreiro deste ano, cun descenso do 1,8% na cifra de viaxeiros, Galicia rexistrou no primeiro trimestre de 2012 un total de 474.487 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, un 0,4% máis que en relación ao observado no mesmo período do ano pasado, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE).
Galicia situouse neste caso nunha posición intermedia con respecto a outras comunidades autónomas, mentres que o crecemento do volume de viaxeiros no conxunto estatal foi do 0,1%, case parello aínda que lixeiramente inferior ao galego.
O crecemento da cifra de viaxeiros aloxados prodúcese como consecuencia das subas rexistradas en dous mercados concretos: o turismo interno dos residentes en Galicia- e o internacional, con incrementos do 0,8% e o 4,3%..
O comportamento específico dos hoteis é especialmente positivo neste primeiro trimestre. Nesta tipoloxía concreta rexístrase un incremento da demanda do 3,8% no que atinxe á cifra de viaxeiros aloxados, e do 2,5% no que respecta ás pernoitas. Esta dinámica positiva prodúcese, ademais, en todas as categorías dos hoteis, sendo especialmente significativo o incremento rexistrado naqueles de unha e dúas estrelas nos que a cifra de viaxeiros sobe un 5,2% e 5,4%, respectivamente-.
A estas cifras dos establecementos hoteleiros hai que engadir as referentes ao excursionismo estranxeiro facilitados por Frontur, que analiza os movementos en fronteira. En total, de xaneiro a marzo, rexistráronse 1.056.427 excursionistas estranxeiros, o que supón un 3,4% máis respecto dos tres primeiros meses de 2011.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.