A Consellería de Economía e Industria destina 4,8 millóns de euros a financiar as axudas para facilitar a incorporación da innovación aos procesos e produtos das pemes galegas, de acordo coa convocatoria do programa Innoempresa que se publica no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo deste programa é facilitar o financiamento de iniciativas empresariais orientadas á mellora da competitividade empresarial a través do incremento da capacidade innovadora das pemes.
Co Programa Innoempresa, a Xunta de Galicia, por medio do Igape, leva apoiada a innovación empresarial, no que vai de lexislatura, en máis de 3.000 pemes facilitando a mobilización de investimentos por 40 millóns. O balance de 2011 foi especialmente positivo, ao sumar 1.320 empresas apoiadas, en boa medida grazas aos proxectos colectivos.
As axudas reguladas polo programa Innoempresa para 2012, cofinanciado con fondos Feder a través do Goberno do Estado, veñen a cubrir as necesidades de apoio a pequenas e medianas empresas no ámbito da innovación, tanto no que se refire á elaboración de novos produtos como á posta en marcha de novos procesos dentro dunha empresa, ou na incorporación de cambios e melloras. O prazo para a presentación de solicitudes polas empresas interesadas será dun mes, a contar desde mañá.
Como unha das principais novidades, na regulación do programa Innoempresa increméntase este ano o baremo de avaliación para primar os proxectos que se comprometan á creación de emprego, especialmente nos colectivos de máis difícil acceso ao mercado laboral e continúanse a valorar de xeito especial os proxectos localizados nas provincias de Lugo e Ourense e nos concellos de Ferrolterra e Costa da Morte, que teñen maiores posibilidades de acceder aos apoios.
Ademais, para calcular a porcentaxe de subvención valorarase especialmente este ano un maior grao de innovación, eficacia e impacto; inclúense igualmente modificacións salientables encamiñadas a actualizar as axudas á innovación en áreas coma a liña para a adopción de novos modelos empresariais innovadores.
O Programa Innoempresa, xestionado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, inclúe medidas dirixidas a incrementar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas especialmente aquelas que teñan vocación de crecemento e capacidade de xerar innovación- como medio para aumentar a súa competitividade; outros dos seus obxectivos son os de contribuír ao crecemento sostible e, en consecuencia, favorecer o emprego e a xeración de riqueza.
O plan desenvólvese a través de tres liñas básicas de actuación: Innovación organizativa e xestión avanzada; Innovación tecnolóxica e calidade; e Proxectos de innovación en colaboración. Os proxectos de innovación en colaboración gozan de prioridade absoluta fronte aos proxectos individuais das pemes e acadan ás máximas intensidades de axuda do programa. As tres liñas están baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión xa contrastados para impulsar a promoción da competitividade das pemes mediante a innovación.
A Consellería de Economía e Industria considera de importancia estratéxica as iniciativas e os proxectos que promoven a innovación aberta nas pemes, como vía preferente para asegurar o mantemento das súas vantaxes competitivas a medio e longo prazo. Iso é o que se procura a través do programa Innoempresa, promovendo e apoiando, ao mesmo tempo, a cooperación entre sociedades.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.