
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado a Área de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, recibiron no seu despacho ao presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, para asinar o convenio de colaboración entre a institución e a escudería lucense, mediante o que a Área de Deporte da Deputación de Lugo aportará 40.000 euros para contribuír cos gastos xerados polas actividades organizadas no ano 2012.
A Escudería Miño é a encargada de organizar tres importantes eventos do motor na cidade de Lugo: a xuntanza automobilística, que permite ao público ver de preto os vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom pouco antes de comezar a tempada, pois adoita celebrarse no mes de marzo; o Rally San Froilán, que se organiza sempre a principios de setembro, e que este ano alcanzará a súa 34ª edición; e, desde o ano 2010, a Subida á Muralla, unha carreira de montaña que se disputa nas inmediacións da cidade de Lugo e que é puntuable para o Campionato de Galiza de Montaña.
O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quixo salientar a importancia dos eventos que organiza a Escudería Miño, non só en relación co mundo deportivo, senón a importancia que adquiren dende o eido turístico, xa que este tipo de encontros moven a multitude de persoas e xeran riqueza no ámbito do turismo e da hostalaría.
Antonio Veiga fixo fincapé en que o deporte do motor en Lugo está a colleitar os maiores éxitos día tras día, polo que desde a Área de Deportes da Deputación debemos poñer os nosos esforzos en potencialo.
Pola súa banda Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte en Lugo, xa que grazas a este tipo de axudas podemos organizar este tipo de eventos, o que supón unha oportunidade para dar a coñecer e axudar a crecer ao automobilismo lucense.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.