Notas de prensa

Sogama lanza unha aplicación multimedia para escolares sobre os 3R

Sogama lanza desde o colexio Cervantes de Lugo unha aplicación informática multimedia coa que pretende ensinar aos escolares galegos de primaria os pormenores dos 3R, baixo o título xenérico “Aprende con Eco os tres R”.

Sogama, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, acaba de editar un proxecto multimedia “Aprende con Eco os tres R”, a través do cal pretende ensinar aos escolares de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, e que cursan os seus estudos nos 900 colexios galegos de primaria, os pormenores dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), trasladándolles os coñecementos necesarios que lles permitan poñelas en práctica na súa vida cotiá.

Así se dou a coñecer por parte do presidente de Sogama, Luís Lamas, quen explicou esta iniciativa desde o colexio “Cervantes” de Lugo, estando acompañado en todo momento pola súa directora, Salomé Castro.

De feito, este centro distinguiuse en numerosas ocasións pola súa marcada sensibilidade ambiental, circunstancia que o avalou para participar, xunto con outros nove a nivel autonómico, na experiencia piloto “Illas de reciclaxe escolares”, promovida e coordinada por Sogama co obxectivo de que alumnos e profesores conten cos medios materiais e didácticos necesarios para levar a cabo a recollida fraccionada dos residuos que producen nos propios recintos educativos.

“Eco” é o nome da mascota que explica aos pequenos en qué consiste a xestión dos refugallos e qué pasos deben seguirse para levala a cabo de forma correcta e respectuosa co medio ambiente, tendo en conta que o traballo dos cidadáns constitúe unha peza esencial que definirá o destino dos desperdicios que xeramos.

E é que se o lixo non se clasifica axeitadamente en orixe, os recursos contidos no mesmo non poderán ser recuperados. Así, insístese nos materiais que deben ser depositados no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks), o azul (papel e cartón), o iglú verde (vidro), o minicontedor de pilas, o xenérico (non reciclables) e os puntos limpos, recintos preparados para acoller aqueles residuos de características especiais (voluminosos, pinturas, fluorescentes, vernices, aparellos eléctricos e electrónicos, etc) para os que non se dispoñen de recipientes axeitados nas vías públicas.

O pequeno esforzo que supón seleccionar os refugallos por tipoloxías, traerá consigo un importante aforro enerxético e de materias primas, porque reciclar é aforrar en todos os sentidos.

Pero antes de adentrarse na última fase do traballo a realizar pola cidadanía, depositando cada tipo de desperdicio no recipiente correspondente, Eco fai especial fincapé nas dúas primeiras erres, tendo en conta que foron as grandes esquecidas no noso labor como cidadáns responsables.

A REUTILIZACIÓN COBRA ESPECIAL PROTAGONISMO

Respecto da primeira, a redución, enxálzase a importancia de levar a cabo un consumo planificado, sensato e racional a través das compras a granel, rexeitando os artigos excesivamente embalados, optando por envases grandes, familiares e con recambio, e priorizando as bolsas reutilizables (de rafia ou tea) a fin de minimizar o consumo de bolsas plásticas non biodegradables, cun gran impacto ambiental.

En canto á reutilización, que non é máis que o alongamento da vida útil dos produtos antes de os converter en residuos, a aplicación recolle numerosos obradoiros, de gran interese para desenvolver tanto nas propias aulas como nos fogares, ofertando aos alumnos a posibilidade de elaborar obxectos de utilidade a partir do aparentemente inservible. Tal é o caso de bolsos e monedeiros, utilizando briks; acuarios, con caixas de cartón; pulseiras, coas anelas das latas de bebidas; xogos de tres en raia, con cartón e tapas das botellas de plástico; ábacos, portalápis, portavelas, etc.

Trátase de que os escolares descubran o auténtico valor dos residuos e as posibilidades de aproveitamento dos mesmos antes de ser arroxados ao cubo do lixo.

Neste sentido, tamén se presta especial atención á compostaxe doméstica no rural pola gran oportunidade que representa para a reciclaxe da materia orgánica producida nas propias vivendas unifamiliares. Explícase, paso a paso, a técnica a seguir e os elementos necesarios para conseguir un abono de boa calidade, concretando os desperdicios que poden e non poden ser depositados no composteiro. Controlando parámetros tales como a humidade e a temperatura, os usuarios poden obter un fertilizante con excelentes propiedades para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), coa particularidade de que, mediante a reciclaxe in situ, os refugallos orgánicos non terán que ser depositados nos contedores convencionais, podendo diminuír o importe da factura que os concellos deben pagar a Sogama. A isto habería que engadir a recepción de ingresos procedentes dos Sistemas Integrados de Xestión, que serán maiores para as arcas locais cantos máis materiais clasifique o cidadán e mellor sexa a calidade dos mesmos.

APROVEITAR, OPTIMIZAR E RENDIBILIZAR

O fin último deste proxecto multimedia non é outro que o de mostrar á comunidade educativa as múltiples utilidades que pode chegar a ter o conceptuado como lixo, permitindo tomar conciencia das grandes cantidades de recursos que desbotamos a diario, consecuencia da tan arraigada cultura de usar e tirar.

Os hábitos e comportamentos da poboación deben ser modificados para minimizar a nosa pegada ecolóxica e preservar a integridade do contorno natural, beneficiando tamén ao noso peto e calidade de vida. A educación é a vía para conseguilo e os escolares poden chegar a constituír un bo medio para que a mensaxe se canalice ao resto da cidadanía. Non obstante, só resultará eficiente se hai unha complementariedade entre escola e familia.

O programa está tamén a disposición dos interesados no sitio web www.sogama.es.

Mª Esther Campos Mosquera (Responsable de Comunicación SOGAMA), 2012-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES