A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche inminente de Localia A Coruña. A noticia foi comunicada a este Colexio polos propios traballadores. A decisión foi trasladada á plantilla da televisión local que nun prazo de quince ou vinte días cesará a súa actividade.
Nos meses anteriores ao peche, a empresa xa despedira dous traballadores, o que, sumado a outros dous profesionais aos que non se lles renovara o contrato, deixara a televisión local cun cadro de persoal de a penas seis traballadores.
Este novo peche ven a sumarse ao anunciado a mediados deste mes por Localia Pontevedra, xustificado por fontes da empresa na "forte caída do investimento publicitario" e que deixa na rúa outros sete profesionais da información.
Daquela, Utega, a sociedade de televisións locais que xestiona as emisoras de Localia, expresaba a súa intención de tentar manter as emisións de Localia na Coruña e en Vigo. Se a primeira anunciou xa o seu peche, a segunda comunicaba pouco despois o "despedimento obxectivo" do 40% do persoal.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta estas noticias que reducen aínda máis o número de medios de comunicación galegos, redundando na perda de pluralidade informativa e na precarización laboral da profesión xornalística.
O que foi unha aposta por manter as televisións locais galegas tras o peche da marca estatal Localia en 2008 non puido manterse, nun desenlace do que saen prexudicados tanto os profesionais que traballaban nestes medios como a sociedade galega en xeral.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.