O Consorcio Audiovisual de Galicia, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa Fundación TIC da Deputación de Lugo, vén convocando monográficos de inglés audiovisual que nos últimos anos teñen lugar nas Escolas Oficiais de Idiomas da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo.
Así desde este martes, 24 de xaneiro e ata o vindeiro mes de abril estase a impartir un destes cursos na aula CeMIT do Centro Multimedia de Galicia, en Santiago. Trátase dun curso de 50 horas lectivas impartido polo profesorado da EOI da capital galega.
Estes cursos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes (preferiblemente cun nivel lingüístico intermedio ou superior dunha escola oficial de idiomas) que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais.
Participarán un total de 23 alumnos e alumnas, aínda que se inscribiron máis de 40 persoas. Entre os inscritos hai perfís diversos, como actores, guionistas, produtores, operadores de cámara, xornalistas, profesionais da animación e os videoxogos, etc.
O alumnado tivo que superar unha proba de selección que consistiu nunha entrevista persoal, para avaliar o nivel do idioma, co obxectivo de formar grupos de alumnos co nivel máis homoxéneo posible.
De tódolos xeitos o Consorcio e a Consellería están a traballar para continuar e mellorar a oferta formativa para as vindeiras edicións, incorporando os monográficos a máis escolas para chegar aos profesionais de todo o territorio galego.
O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.
Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos, así como pola presenza dos nosos profesionais en coproducións internacionais, nas que a lingua de comunicación é o inglés.
O Consorcio Audiovisual de Galicia subvencionará en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico.
O profesorado das EOI da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, en coordinación co Consorcio, está traballando na edición conxunta dun manual de inglés audiovisual que se entregará ao alumnado das próximas edicións e que se publicará en PDF nas páxinas web da Consellería e do Consorcio como un recurso educativo de interese para os profesionais do sector audiovisual, tradutores, filólogos, profesores e outros colectivos interesados.
Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée dArt Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.