Notas de prensa

Os valores de superación e cooperación como medicamentos contra a crise

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, asegurou na entrega dos Premios do Deporte Galego que “na botica de remedios contra a crise, o deporte e os seus valores de superación e de cooperación deberán figurar nos medicamentos máis recomendados”. Feijóo anunciou unha inxección económica de case 4,6 millóns de euros que se repartirán entre as 59 federacións deportivas.

Ao longo da súa intervención, Feijóo avogou por reproducir, “cada un nas nosas respectivas responsabilidades”, o mesmo espírito que guía aos premiados. “Non só me refiro –dixo- ao espírito de equipo que lles permite ser máis fortes nunha competición, senón tamén ao que lles fai terminar cun apertón de mans ao rival despois de calquera partido. E, non só me refiro ao espírito de superación que lles permite crecerse e incrementar os seus éxitos, senón tamén levantarse para seguir tentándoo despois da derrota”.

Feijóo salientou que as persoas e os equipos galardoados son o exemplo de que a visión dos gregos era atinada e que a súa idea de que o deporte favorece a unidade dun país perduraría a través dos tempos. E, neste sentido, asegurou que, “esta gala é unha oportunidade para subir a nosa autoestima colectiva, se cabe máis aínda nestes tempos de dificultade que vivimos”.

“Esquecemos que a Galicia contemporánea ten en si mesma biografías modélicas ás que convén dedicarlles tempo para imitalas. Non é que pretendamos alcanzar as marcas de Javier, de Verónica, de Chano, de Susana, de Beatriz, ou de Jorge. Tampouco que aspiremos a reeditar os éxitos do Vigo Rugby Club, do Ponte Ourense, ou do Club Amfiv. Ante semellante ousadía, imaxino que un home como Moncho Fernández Vidal diríanos que debemos ser conscientes das nosas limitacións porque esgotariamos a paciencia de árbitros como Jorge Blanco Chao e, desde logo, non seriamos dignos de participar en Campionatos como o europeo de Tríatlon”, afirmou.

Case 4,6 millóns de euros para as 59 federacións deportivas recoñecidas

Consciente da importancia do deporte, o responsable do Goberno galego avanzou que, no Consello desta semana, se autorizará unha inxección económica de case 4,6 millóns de euros que se repartirán entre as 59 federacións deportivas recoñecidas para facilitar e fomentar o acceso da cidadanía ao deporte federado.

Así mesmo, lembrou a posta en marcha por parte da Xunta do Plan Galicia Saudable, que quere fomentar o deporte en todas as xeracións e en todas as partes da comunidade; e a futura Lei do Deporte, que protexe non só aos 300.000 deportistas federados, senón tamén aos que practican deporte no día a día e que, por primeira vez, regula a loita contra a dopaxe e a violencia.

Ademais da Administración, Feijóo salientou que hai outros moitos ámbitos que son conscientes tamén da importancia do deporte, “desde educadores como os do Colexio O Areal, ata xornalistas como Fernando Hidalgo, concellos como os que conforman a Mancomunidade Terra de Celanova, clubs como o Natural Sport-Videlgi de Ribeira ou emprendedores como Aceites Abril”.

O presidente do Executivo autonómico concluíu o acto felicitando a todos os premiados “que nos fan sentir Galicia –dixo- coma un gran equipo, que pode gañar ou perder, pero que sempre loita”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES