O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu no Parlamento, a blindaxe dos servizos públicos en Galicia e destacou que este Goberno é o goberno que máis adicou en termos porcentuais de presuposto corrente aos servizos públicos, nos 30 anos de autonomía que estamos celebrando.
Non deixaremos a ninguén tirado, afirmou Feijóo, en resposta a unha pregunta do PSdeG. Vamos blindar os servizos públicos. Na educación, máis educación; en sanidade, máis sanidade; en servizos sociais, máis servizos sociais; en dependencia, máis dependencia. Ese é o meu compromiso, aseverou.
O responsable do Goberno galego afirmou que non só se está a blindar os servizos públicos, senón que hoxe hai máis servizos públicos que fai tres anos. E asegurou, amais, que cando finalice esta lexislatura, en Galicia, haberá máis hospitais que cando comezamos; máis garderías; máis centros de día; máis residencias da terceira idade; máis familias cobrando a dependencia; máis prazas para os discapacitados; máis de 10.000 alumnos en formación profesional dos que había; máis de 40.000 ordenadores financiados con fondos públicos; e máis de 40.000 rapaces estudando inglés no sistema educativo público.
Feijóo resaltou que se a Administración do Goberno central cumprira os criterios de déficit público, como cumprimos -coas críticas do Partido socialista-, en Galicia, agora, esa redución do déficit público e do presuposto do sector público sería menor. E lembrou que, pola contra, o Goberno galego leva cumprindo o déficit público no ano 2009 e no ano 2010. O Goberno de España engadiu- incumpriu o déficit público no ano 2009, no ano 2010 e todos nos tememos que tamén no ano 2011.
O presidente da Xunta saudou os bos desexos para o ano próximo do voceiro do PSdeG, se ben, afirmou que lle gustaría coñecer a súa proposta no tocante a cómo avanzar nos servizos públicos. Levo esperando tres anos. Levo esperando tres anos, onde se me di que estamos privatizando a sanidade a sabendas de que é falso; que deterioramos a educación por non pagarlle os libros ás deputadas e deputados desta Cámara; que deterioramos a sanidade simplemente por solventar unha lei estatal que deixa sen tarxeta sanitaria aos parados e que Galicia adiantouse tres meses ao problema da lexislación estatal. Acepto coa máxima responsabilidade a proposta que me fai, pero si me gustaría coñecela.
Feijóo subliñou que se o PSdeG remite aínda que sexan dúas propostas para manter os servizos públicos mantendo o compromiso do déficit público, serán avaliadas en 48 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.