Notas de prensa

A nova Lei de Bibliotecas de Galicia permite un novo modelo de biblioteca en rede

A Xunta avanza que a nova Lei de bibliotecas de Galicia permitirá un novo modelo de biblioteca “para que poida traballarse en rede e para que poida avanzarse na idea dunha verdadeira biblioteca pública de Galicia dixital”. A nova norma permitirá que os galegos accedan ás 456 bibliotecas públicas da comunidade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello, a aprobación do proxecto de Lei de bibliotecas de Galicia, que renova unha normativa que data de 1989 e que busca un novo modelo de biblioteca “para que poida traballarse en rede e para que poida avanzarse na idea dunha verdadeira biblioteca pública de Galicia dixital”. “Este novo marco lexislativo busca o novo modelo de biblioteca para traballar en rede con todos os libros a disposición dos usuarios, para mellorar permanentemente e para avanzar na idea dunha verdadeira biblioteca única da Comunidade autónoma”, incidiu.

Feijóo lembrou que o Goberno galego leva traballando desde o principio da lexislatura no que se refire ás bibliotecas: “creamos unha dirección xeral do libro; abrimos a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; elaboramos un censo de bibliotecas e, hoxe, deseñamos unha folla de ruta para a planificación completa, integral de todas as bibliotecas galegas”.

O responsable do Goberno galego subliñou a necesidade de renovar a normativa existente para adaptala ás necesidades actuais, “xa que en 22 anos entendemos que o mundo do libro, o hábito da lectura e as formas de lectura mudaron”; e engadiu que con este novo texto “non só fixamos estándares de calidade que garantan un servizo de calidade e a mellora continua das bibliotecas galegas, establecemos varias pautas para evitar bibliotecas estáticas, para lograr que sexan espazos flexibles e atractivos para un público heteroxéneo”.

Dar resposta ás necesidades actuais e futuras

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que a normativa establece a organización das bibliotecas a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que diferenciará entre: bibliotecas centrais territoriais, bibliotecas centrais municipais, bibliotecas de proximidade, bibliotecas locais e servizos bibliotecarios móbiles. “É evidente –aseverou- que non todas as bibliotecas son iguais e, polo tanto, non todas teñen as mesmas necesidades”.

A coordinación permanente das bibliotecas é outra das novidades desta lei que contempla a elaboración dun Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia. Este mapa permitirá coñecer a realidade polo miúdo das bibliotecas do territorio, detectar os excesos en determinados puntos xeográficos, os déficits de bibliotecas noutros puntos xeográficos e establecer as necesidades da lectura pública no territorio galego.

Así mesmo, esta lei dá soporte normativo á Biblioteca central -á Biblioteca de Galicia- instalada na Cidade da Cultura. “Esa será –dixo- a biblioteca central, o Centro Superior Bibliográfico de Galicia nun espazo singular, como a Cidade da Cultura, cunha configuración dunha importante colección de fondos e, desde alí, se coordinará todas as
bibliotecas e a política bibliotecaria de Galicia”.

Por último, o texto permite, tamén, a adaptación das bibliotecas ás novas tecnoloxías. “Vamos a insistir no avance da dixitalización das coleccións, de xeito que se garante un uso universal e se preserve todo o material existente para as xeracións vindeiras. Trátase de facilitar servizos de préstamos, de dixitalizar todo o listado de libros que existen en calquera biblioteca pública galega, de poñer a disposición unha única rede de todos os volumes de libros que existen en Galicia e que ninguén poda estar sen un libro como consecuencia de que non estea ben xestionada a rede de bibliotecas públicas de Galicia”.

En definitiva, Feijóo afirmou que se trata dun novo marco lexislativo para que os galegos que accedan a algunha das 456 bibliotecas galegas públicas que actualmente existen atopen espazos de calidade, cunha oferta completa e igualitaria e cun soporte normativo que permita dar resposta ás necesidades actuais e futuras.

Os 14 xeodestinos, o mapa do futuro do turismo en Galicia

O presidente galego avanzou, tamén, a próxima presentación do mapa dos 14 xeodestinos turísticos de Galicia, que supón, segundo sinalou, o mapa do futuro do turismo en Galicia. Feijóo explicou que con este mapa, que foi analizado no Consello da Xunta de hoxe, se afonda nun dos piares da recentemente aprobada Lei de turismo de Galicia, a diversificación da oferta turística galega dentro do destino único e da marca única que é Galicia.

“Queremos que Galicia sexa un destino único pero non uniforme”, salientou o titular do Goberno galego afirmando que a comunidade non pode permitirse o luxo de relegar a un lugar secundario ningunha das múltiples posibilidades que ten o territorio galego. “E temos que coordinar as distintas administracións que operan nun mesmo territorio para que traballen sen duplicidades “, engadiu.

O presidente galego destacou que o primeiro mapa de xeodestinos turísticos de Galicia nace con vocación de permanencia e agrupa distintas características de diferentes territorios galegos que teñen unha determinada especifidade, “para que a suma dos 14 xeodestinos conformen o destino único Galicia”. “Este é o mapa do futuro do turismo en Galicia. Temos un enorme potencial turístico que temos que poñer en valor”, dixo.

Núñez Feijoó subliñou o consenso co que nace o mapa de xeodestinos e explicou que o seu deseño contou coa participación dos concellos galegos a través da Fegamp e da Administración estatal a través de Turespaña. Neste sentido, puxo como exemplo a inclusión da Ribeira Sacra, “que inclúe varios concellos de varias provincias que fomos capaces de poñer de acordo”.

“Trátase dun mapa de 14 xeodestinos onde concretamos a oferta diversificada que ten Galicia e onde queremos ofrecer turismo náutico, turismo urbano, turismo gastronómico, turismo cultural, turismo rural, e turismo termal”, manifestou o titular da Xunta, quen afirmou que Galicia é “un multi destino con capacidade para adaptarnos aos bolsillos de calquera que queira visitarnos”.

Turismo, un sector estratéxico para a economía galega

O presidente da Xunta enmarcou a elaboración deste mapa na aposta do Goberno galego polo turismo, un sector estratéxico, segundo destacou, para a economía da comunidade. Así, Feijóo explicou que o turismo representa o 10% do PIB e o 10% dos empregos da comunidade e lembrou que a mellor noticia económica que tivo Galicia en 2010 foron os 9 millóns e medio de visitantes que recibiu polo ano Xacobeo.

Feijóo enumerou as principais iniciativas da Xunta a prol deste importante sector como a creación dunha marca turística propia, específica e única de Galicia, a aprobación por consenso do Plan de acción do turismo, a posta en marcha de interesantes atractivos turísticos e, por último, a Lei do turismo de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (castelao-mirarporgalicia-02.jpg) Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, 'Castelao. Mirar por Galicia' aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor. O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica.
Foto de la tercera plana (fisterra-experience-2025.jpg) Música, territorio e natureza son os eixos fundamentais do Fisterra Experience, unha singular cita musical que regresa esta fin de semana á vila mariñeira de Fisterra co apoio dos Concertos do Xacobeo para celebrar a súa segunda edición os días 27, 28 e 29 de xuño. Fisterra Experience busca achegarse á arte dun modo cercano, ofrecendo experiencias únicas e inspiradoras. O festival explora as posibilidades que ofrecen o territorio e a natureza de Fisterra, desde unha ollada sostible e comunitaria. Entre as bandas e artistas destacados do seu cartel, danse cita nomes como Baiuca, Mondra, Helena Egea, Sabela & The Heartbreakers, A Pedreira e Andhrea & The Blacks Cats, entre moitos outros. Deste modo, o Fisterra Experience renace neste 2025 para ofrecer unha experiencia musical cualitativa que vai da electrónica ao soul, do pop ao jazz e a nova música tradicional, entre outros sons, nunha contorna única.

Notas

Este venres día 27 de xuño, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acollerá a visita do prestixioso investigador Bradley Moore, profesor da Scripps Institution of Oceanography da Universidade de California, San Diego. Esta visita enmárcase dentro da estratexia de internacionalización de transferencia de coñecemento do centro, e conta co apoio da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.
O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación das accións deseñadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES