A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación de El libro de los besos y de la niebla, a última obra do escritor Xosé Carlos Caneiro, editada por Alvarellos Editora. O acto, presidido polo director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, e polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, contou coa participación do autor ourensán e do director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos.
Na súa intervención, o director xeral do Libro asegurou que a calidade intelectual e literaria é un motivo para confiar no traballo que estamos a facer desde a Consellería de Cultura e Turismo a favor dunha literatura que creceu moi rapidamente e desenvolveu o seu potencial en canto tivo unhas circunstancias minimamente favorables. Neste sentido, Francisco López subliñou o momento que está a vivir o sector editorial galego e fixo referencia aos nosos grandes clásicos visibles no exterior coas traducións que impulsamos, os públicos do mundo que volven os seus ollos cara a nosa literatura contemporánea e os nosos produtos editoriais que se asentan nos foros internacionais dedicados ao libro.
Para o responsable do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Xosé Carlos Caneiro exemplifica a solidez da nosa literatura e contribúe a aportar a nosa perspectiva á cultura mundial. Grazas ao traballo dos creadores e creadoras de Galicia, a nosa industria editorial pode manter niveis de calidade internacionais atendendo ás necesidades dun público galego ben formado e esixente, apuntou.
Francisco López destacou a importancia de obras anteriores do escritor ourensán como Évora, A vida nova de Madame Bovary, Amote ou Un último destino. Desta volta, afirmou, con El libro de los besos y de la niebla lévanos un pouco máis lonxe a través dos seus labirintos persoais e habitaranos coa súa curiosidade, co seu pranto, coa súa saudade e coa súa potencia creadora.
Doutra banda, como director da Casa de Galicia, o delegado da Xunta en Madrid deu a benvida á presentación reivindicando a vixencia do papel da literatura como experiencia formativa e vital. "Os libros gañaron máis batallas que as armas", dixo citando a Leonardo Argensola e, en relación ao mesmo, tema tamén recorreu ás palabras doutro sabio, Petrarca: "Os libros ensinan a vivir e a morrer".
De Caneiro dixo: "estamos ante un dos escritores máis fecundos de Galicia", e destacou do seu libro unha frase das moitas que o chamaron especialmente a atención: "Pido que non coloques no teu corazón o cartel de non se reciben visitas. Que os teus ollos brillen cada noite noutros ollos. Cada día. Que esperen por ti con flores cando salgas do traballo. Pido luz. Pido liberdade. Pido".
Publicada por Alvarellos Editora, El libro de los besos y de la niebla é a última obra do escritor Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), un dos escritores galegos máis laureados. A súa fecunda obra, traducida a varios idiomas, cativou miles de lectores. Neste libro, co que regresa ás Letras en castelán, que abandonara en 2003 coa biografía de Jorge Luis Borges, transita polo periodismo, o ensaio, a prosa poética e o diario íntimo. Entre a súa obra máis recente figuran as novelas Ámote (2003), A vida nova de Madame Bovary (2008) e Un último destino (2010).
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.