
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, anunciou en Caldas de Reis o apoio da Xunta de Galicia á proposta do grupo de cooperativas galegas liderada por Feiraco para dar viabilidade á planta de Clesa. A Xunta de Galicia apoia este plan de negocio para o futuro de Caldas, o máis solvente e realista desde o punto de vista técnico, económico e de mantemento dos postos de traballo, coa achega de 4,5 millóns de euros procedentes de Xesgalicia e o IGAPE. Pola súa banda, as once cooperativas, que se agrupan baixo o nome de Agrupación Láctea Cooperativa, achegan 2,07 millóns de euros. En total a posta en marcha da planta suporá unha inversión superior aos 10 millóns de euros.
Javier Guerra, acompañado polo director de Feiraco, José Luis Antuña, destacou que respaldando esta proposta cúmprese un compromiso da Xunta de Galicia con Clesa e os seus traballadores. Asegurou o conselleiro que foron claves á hora de tomar a decisión a seriedade, profesionalidade e experiencia que ten demostrado o grupo, así como a capacidade do seu plan de negocio, que non só servirá para manter a planta de Clesa senón que a potenciará e a fará máis competitiva, potenciando o tecido empresarial galego. O titular de Economía e Industria subliñou a repercusión positiva para a produción láctea galega que pode ter a unión de once cooperativas galegas nun proxecto común, cunha referencia no sector á fronte como FEIRACO, que asumirá a dirección e xestión do proxecto.
O plan de negocio presentado por Agrupación Láctea Cooperativa contempla a incorporación progresiva de traballadores da planta de Clesa, que se espera que cheguen a un cento a finais de 2013. Ademais do mantemento da produción, a proposta inclúe novas liñas de produtos e proxectos de innovación e mellora da competitividade a medio prazo.
A Xunta de Galicia traballou intensamente nos últimos meses para atopar unha solución de futuro para a planta de Clesa en Caldas e, de forma, prioritaria, para os seus traballadores, prestando asesoramento tanto aos representantes dos traballadores como aos posibles interesados en facerse cargo da empresa. O conselleiro de Economía e Industria fixo fincapé en que o plan que avala a Xunta dálle seguridade aos traballadores de Clesa en Caldas, e aposta de maneira firme e seria polo mantemento do tecido laboral, industrial e social da comarca.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.