Notas de prensa

Agadic axuda ao sector musical cun financiamento de case 150.000 euros

A Agadic destina 146.500 euros ao sector musical a través das axudas ás industrias culturais concedidas a 27 propostas de traballos discográficos, distribución exterior e mellora técnica de estudos de gravación e salas de música. O 48% das subvencións foron para os CDs de Xoel López, Uxía ou Maryland.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo destina un total de 146.500 euros a 27 propostas de produción e promoción de novos traballos discográficos, distribución exterior e mellora técnica de estudios de gravación e de salas de música ao vivo, materializando a través do seu programa anual de axudas ás industrias culturais unha das súas principais liñas de apoio ao sector musical galego.

De acordo coa primeira relación provisional de adxudicatarios publicada na web da Agadic (www.agadic.info), son 16 as empresas galegas beneficiarias desta convocatoria de axudas, que mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes no apartado de distribución.

Unha decena de novos discos

Preto do 48 por cento do total concedido (70.204 euros) corresponde á modalidade de subvencións á produción e promoción discográfica, a través dos que se apoian, entre outros, os últimos traballos asinados por Xoel López, Uxía, Borja Cao Trío, 3 Azoteas, Alfonso Medela, Igloo e Maryland; os discos de debú de Riobó, Davide Salvado e La Familia; e o libro-cd A ponte xurdido a partir da iniciativa Ponte… nas ondas! como experiencia educativa e de intercambio entre Galicia e o norte de Portugal.

Unha das novidades no programa de axudas ás industrias culturais 2011 é a incorporación das salas de música ao vivo na modalidade de apoio á mellora técnica, co obxectivo de impulsar a súa modernización tecnolóxica e, en consecuencia, a mellora das condicións nas que se desenvolven as actuacións en directo. A través deste apartado, distribuirase un total de 18.913 euros entre catro salas (Bar Liceum no Porriño, El Ensanche en Vigo e Casa das Crechas e Ultramarinos en Santiago de Compostela) e outros 14.935 euros entre tres estudios de gravación (Zouma, Xacobe Martínez Antelo e Casa de Tolos).

Xiras internacionais

O apoio ao sector musical esténdese, ademais, á proxección exterior de diferentes artistas e grupos galegos, de xeito que nesta primeira resolución se destinan 42.446 euros a un total de 13 xiras e concertos puntuais en escenarios de todo o mundo (Andalucía, Cataluña, Euskadi, Arxentina, Bélxica, Estados Unidos, Francia, México e Reino Unido) protagonizados por Berrogüetto, Anxo Lorenzo, Susana Seivane, Milladoiro, Leilía e Fon Román, entre outros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES