Notas de prensa

Chega á Coruña a exposición No niño novo do vento, homenaxe do centenario de Cunqueiro

A mostra, que pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, permite achegarse á figura e á obra do autor mindoniense a través de 16 paneis informativos e de diferentes materiais e obxectos dispostos en 8 vitrinas. Logo da Coruña, a exposición viaxa a Pontevedra, Ferrol e Vigo.

A Sala Municipal de Exposicións do Palexco acolleu a inauguración da mostra itinerante No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011, coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense. Esta exposición está promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello da Coruña, e inclúe todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.

No niño novo do vento, que estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións do Palexco durante todo este mes de setembro, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.

Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria. Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.

A parte máis identificativa da mostra –comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes- é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.

No niño novo do vento xa estivo exposta en Mondoñedo (Auditorio Pascual Veiga), Santiago de Compostela (Casa da Parra), Ourense (Centro Cultural da Deputación de Ourense) e Lugo (Delegación da Xunta de Galicia). Despois do seu paso pola Coruña, a mostra visitará Pontevedra, Ferrol e finalmente rematará o seu percorrido en Vigo, cunha instalación na Fundación Penzol a finais de ano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES