Notas de prensa

A ópera dos tres reás abre a temporada do Teatro Principal de Zaragoza

O musical da compañía pública galega represéntase entre o venres 9 e o domingo 11 de setembro na capital aragonesa antes de regresar a Galicia. Quico Cadaval dirixe esta versión do clásico de Brecht e Weill, na que Luis Tosar encabeza un elenco de 20 actores e músicos.

O Centro Dramático Galego (CDG) preséntase en Zaragoza co seu espectáculo musical A ópera dos tres reás, que abre a temporada do Teatro Principal da capital aragonesa antes de regresar a Galicia para finalizar a súa xira. Coas tres funcións que ofrecerá esta fin de semana, a compañía pública galega completará, ademais, a ampla distribución exterior desta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que xa escenificou en Madrid, Las Palmas, Salamanca e Pamplona.

Con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e Luis Tosar como actor protagonista, á cabeza dun elenco integrado por 11 actores e 8 músicos, A ópera dos tres reás sitúase entre as meirandes producións enfrontadas ata o de agora polo Centro Dramático Galego, cunha esixente e vertixinosa posta en escena que ofrece preto de vinte números musicais durante as súas case dúas horas e media de duración.

Blanca Cendán, directora do CDG, Diego García, director musical do espectáculo, e Víctor Mosqueira, actor que interpreta a Serrucho e Smith, entre outros papeis, estiveron acompañados de Jerónimo Blasco, conselleiro municipal de Cultura de Zaragoza, na presentación hoxe en rolda de prensa destas tres funcións no Teatro Principal (mañá e o sábado, ás 20.30 h e o domingo, ás 18.30 h). Neste escenario, como no resto de espazos incluídos na xira exterior do espectáculo, ofrecerase a versión en castelán dos textos falados, mentres que se manteñen as cancións en galego con sobretítulos.

Venda anticipada de entradas

Producida co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e inserida na programación do Ano da Música, A ópera dos tres reás regresará aos escenarios galegos a partir da vindeira semana, con funcións na Coruña (Teatro Colón, días 17 e 18), Ourense (Teatro Principal, 23 e 24), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia, 27 e 28) e Narón (Pazo da Cultura, 30 de setembro e 1 de outubro). Nestes momentos, xa está dispoñible a venda anticipada de entradas para as funcións da Coruña e Vigo –neste último caso, en abono da temporada de teatro galego– a través da billeteira electrónica da web de Novacaixagalicia.

Xunto con Luis Tosar no papel de Mackie da Faca, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta conforman o elenco actoral, acompañados en escena por unha banda de oito músicos –Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– baixo a batuta de Diego García. Na ficha artística do espectáculo figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega.

As “leis do cabaré”

Na adaptación de Cadaval –responsable tamén da dramaturxia–, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento da famosa historia do gánster Mackie Messer (Mackie da Faca) contada –en palabras do seu director– "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre nos baixos fondos de Central City, onde Mackie campa ás súas anchas entre delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES