Notas de prensa

O Festival de Curtametraxes de Bueu arranca cunha cinta galega e catro internacionais

As proxeccións comezan ás 21.30 horas no Centro Social do Mar. FICBUEU2011 arraca coa proxección das cintas belgas Le maillot de Cristiano e Tabu.

A cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu deu comezo o luns, 5 de setembro, coa proxección das primeiras cinco producións do total de 25 que se exhibirán ao longo da semana. Os pases do certame organizado pola Concellería de Cultura comezan ás 21.30 horas no Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra), con entrada de balde.

Dúas cintas belgas terán o seu oco na primeira sesión do FICBUEU2011. Son ‘Le maillot de Cristiano’ (2011), unha comedia de Vincent Bruno protagonizada por dous cativos que soñan con mercar a camiseta do seu ídolo, e ‘Tabu’ (2008), unha viaxe na busca das raíces e do amor codirixida por Vincent Coen e Jean-Julien Collette. Dáse a casualidade de que Collette, belga afincado en España, concursa por terceira vez no festival, xa que resultara seleccionado nas dúas primeiras edicións, nunha ocasión incluso con dúas cintas, así que esta será a cuarta curtametraxe súa que se proxecte en Bueu.

O público que se achegue mañá luns ata o Centro Social do Mar terá a oportunidade de visionar tamén unha das dúas curtas galegas que participan no FICBUEU2011. Trátase de ‘Dúas letras’ (2011), unha cinta de Eloy Varela coprotagonizada pola escritora Fina Casalderrey e parte da súa familia. Proxectaranse ademais ‘Le Piano’ (Armenia/Francia, 2011), de Lévon Minasiah, onde este instrumento musical é o fío condutor da historia, e ‘I don’t feel like dancing’ (Alemaña, 2008), unha historia ambientada en zona de conflito dos realizadores Joachim Dollhopf e Evi Goldbrunner, que ademais foron seleccionados para participar cunha segunda curta nesta cuarta edición do festival.

As sesións continúan o martes 6 de setembro con ‘Silent River’ (Alemaña/Romanía, 2011), de Anca Miruna Lazarescu; ‘Stripburguer’ (Eslovenia, 2010), de Boris Dolenc; ‘Khorosoho’ (España, 2010), de Miguel Ángel Jiménez; ‘De que se ríen las hienas’ (Galicia, 2011), de Javier Veiga, e ‘Wie immer’ (Alemaña, 2010), dirixida por Zubin Sethna. Mércores, xoves e venres tamén haberá proxeccións ás 21.30 horas, e o sábado o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pecharase cunha gran gala de clausura.

Gabinete de Comunicación Festival de Curtas de Bueu, 2011-09-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES