
O mércores 7 de setembro ás 20:30 horas celebrarase no Teatro Rosalía da Coruña un acto arredor da figura de Manuel María que leva por título Lúas de Outono e que inclúe a estrea do documental De amor e cantería e un concerto musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, membros do grupo Berrogüetto. Está organizado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, sendo de entrada libre até completar o aforo.
Manuel María foi un prolífico escritor que deixou máis de cen obras literarias escritas nos diferentes xéneros, mais que destaca como poeta con máis de cincuenta títulos. Estivo moi vinculado á cidade da Coruña, pois foi o lugar que escolleu para vivir unha vez que chegou á súa xubilación laboral e o lugar onde faleceu un 8 de setembro de 2004, polo tanto, hai xustamente sete anos.
Cada ano por estas datas, a Fundación que leva o nome do escritor, realiza un acto de rememoración e de divulgación da súa obra. No presente farao mediante a estrea dun documental producido por Pixel Films, baixo a realización Mikel Fuentes e o guión de Anxa G. Refoxo.
Nel recréanse os Sonetos á Casa de Hortas onde o poeta evoca a súa casa natal de Outeiro de Rei, lugar que a Fundación pretende converter en Casa Museo do escritor. Por outra parte, Xabier Díaz e Guillerme Fernández incluirán dentro do seu concerto cinco pezas feitas sobre poemas de Manuel María, sendo dúas delas preparadas especificamente para este acto. Completarán o repertorio con outros temas xa incluídos nos dous discos xa publicados por eles á marxe de Berrogüetto, Músicas de salitre e Arrolos de salitre. Sumaranse deste xeito aos numerosos grupos que teñen musicado poemas de Manuel María e mesmo dedicado discos enteiros. Desde Suso Vaamonde, Fuxan Os Ventos, Miro Casabella, A Quenlla, María Manuela, Milladoiro, Uxía, Berrogüetto... todos eles teñen contribuído, sen dúbida, a popularizar a poesía de Manuel María.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.