
Máis de 2.000 persoas achegáronse ata o momento á exposición pictórica Philip West. Metamosfose da imaxe poética, na Casa da Parra de Santiago, onde permanece aberta desde o 29 de xullo cunha media superior aos 70 visitantes diarios. Organizada pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Fundación Granell, a mostra exhibe ata 30 de setembro un total de 22 obras deste artista inglés, considerado unha das principais referencias do movemento surrealista da segunda metade do século XX.
Procedentes da importante colección que o propio Philip West (York, 1949-Zaragoza, 1997) legou á Fundación do seu amigo Eugenio Granell en Compostela, as 16 pinturas e seis debuxos aquí reunidos foron realizados en Zaragoza entre 1983 e 1996, sintetizando así o proceso de traballo que o artista desenvolveu na última fase da súa vida. Nese período, a súa obra caracterízase pola simplificación das imaxes, os espazos labirínticos, a fragmentación de superficies e as viñetas xustapostas, explicando dun xeito poético a contraposición de ideas.
A etapa de Zaragoza, cidade na que atopa o seu espazo e crea a maior parte da súa produción plástica, é fundamental na súa evolución artística. Comeza a introducir un maior número de obxectos en cada proposta e as dualidades existenciais (vida-morte, realidade-soño, natureza-máquina, home-muller...) sitúan a idea do antagónico e da metamorfose nun lugar substancial da súa pintura. A cor plana, a implantación dunha iconografía máis simple e rotunda e a destacada presenza do debuxo engrandecen, así mesmo, a idea de West en torno á utilización da alegoría histórica.
Militancia surrealista
As 22 obras seleccionadas trasládannos, pois, ao final dunha traxectoria que, de xeito global, se caracteriza pola vehemencia ao representar os seus soños e pola militancia emocional no campo do surrealismo. Non en van, West opinaba que quizais a súa obra expresaba o que el era como individuo: Aprecio tanto o que vivo esperto, como durmido, aseguraba.
Pintor, escritor e editor, Philip West sentiuse atraído polo surrealismo dende moi novo, especialmente pola obra de Magritte, De Chirico e Max Ernst, e deixou constancia escrita da influencia que exerceron no seu pensamento André Breton, Octavio Paz, Proudhom, Luis Buñuel, Lewis Carroll ou os irmáns Marx, entre outros. A súa actitude independente e libre en extremo lévao a formular o seu traballo desde perspectivas persoais e vivenciais, como un xeito de achegamento á vida.
A súa andaina profesional comeza na década dos setenta, como parte do grupo que crea John Lyle en torno á revista La Transformación e uníndose máis tarde ao grupo surrealista Phases. Defensor do surrealismo automático, a súa obra fundaméntase nun coidado debuxo a través do que expresa con gran minuciosidade os detalles. Nas descricións emprega cores brillantes e a súa linguaxe tende á metamorfose.
Despois dunha primeira estadía en España, o pintor viaxa a Venezuela atraído pola flora e fauna do país americano, que deixa unha fonda pegada na súa obra e reflicte, ademais, a súa gran paixón pola natureza, coa ornitoloxía e o exotismo vexetal moi presentes na súa pintura.
Legado en Compostela
Gran amigo de Eugenio Granell, en 1997 West toma a decisión de ceder á Fundación Granell unha ampla parte da súa obra xunto coa súa biblioteca persoal, formada por un importante fondo de libros, catálogos e revistas relacionados co surrealismo internacional.
De acceso gratuíto, o horario de apertura ao público de Philip West. Metamorfose da imaxe poética é de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas e os domingos de 11.00 a 14.00 h. Os luns e festivos a mostra permanece pechada.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.