Notas de prensa

A Ópera dos tres reás retoma a xira española con dúas funcións en Salamanca

O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a xira española con dúas novas funcións no Teatro Liceo de Salamanca os días 2 e 3 de setembro. Pamplona e Zaragoza serán as próximas paradas deste musical, que regresará a Galicia o día 17 con representacións na Coruña, Vigo, Ourense e Narón. Luis Tosar encabeza o amplo elenco de actores e músicos.

O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a xira do espectáculo musical A ópera dos tres reás, co que se presenta mañá venres día 2 e o sábado día 3 no Teatro Liceo de Salamanca. A compañía pública galega viaxará a continuación a Pamplona e Zaragoza para ofrecer outras cinco funcións desta versión do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que conta con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e un extenso elenco de actores e músicos encabezado por Luis Tosar.

Blanca Cendán, directora do CDG, e Alba Messa, actriz que interpreta o papel de Lucy Brown, estiveron acompañadas do concelleiro de Cultura y Turismo de Salamanca, Julio López Revuelta, na presentación en rolda de prensa das dúas funcións no Teatro Liceo, que darán comezo ás 21.00 horas como parte da programación promovida pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura. Neste escenario ofrecerase a versión en castelán dos textos falados, mentres que se manteñen as cancións en galego con sobretítulos.

Producida co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e inserida na programación do Ano da Música, A ópera dos tres reás recala en Salamanca tralo gran éxito de público obtido durante dúas semanas de exhibición en Madrid e as súas representacións no Festival de Teatro, Música y Danza das Palmas de Gran Canaria. O espectáculo regresará aos escenarios galegos a partir do 17 de setembro para a recta final da súa xira, durante a que se escenificará na Coruña (días 17 e 18), Ourense (23 e 24), Vigo (27 e 28) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Produción de gran formato

Tanto a súa ampla distribución exterior como o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, sitúan esta montaxe entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento polo Centro Dramático Galego. Son 11 os actores galegos que defenden unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de case dúas horas e media de representación: Ademais de Luis Tosar no papel de Mackie da Faca, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta.

Ao seu carón, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos –Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Universo brechtiano

Na adaptación de Quico Cadaval –responsable tamén da dramaturxia–, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento dunha historia contada –en palabras do seu director– "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (interpretado por César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (o Sr. Peachum, ao que dá vida Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES