Notas de prensa

A ONCE amplía a oferta de recursos educativos en galego para persoas con discapacidade visual coa colaboración da Xunta

A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) está a ampliar a oferta de recursos educativos dispoñibles en lingua galega para as persoas cegas e con discapacidade visual, coa colaboración da Xunta de Galicia, ao abeiro do convenio que subscribe actualmente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A delegación territorial da ONCE en Galicia leva adaptados ao sistema de lectura Braille e ao sistema de gravación Daisy un total de 32 volumes no que vai de ano, todos eles solicitados polos seus afiliados e afiliadas.

Entre eles atópanse, por unha banda, libros de texto para diversas materias dos niveis de ensino de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Por outra banda, a ONCE tamén levou a cabo este ano a transcrición, gravación e adaptación de numerosas obras da literatura galega da autoría de recoñecidos autores e autoras. É o caso de Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín; de O sol do verán, de Carlos Casares; de A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; de Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros; e de Alén da desventura, de Xavier Alcalá, entre outras.

Anxo Lorenzo visitou o Centro de Recursos Educativos

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, puido coñecer de primeira man o labor que está a realizar o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia para facilitarlles aos seus afiliados e afiliadas o acceso a recursos didácticos en galego e, deste xeito, contribuír ao seu desenvolvemento educativo e cultural na lingua propia de Galicia.

Durante a súa visita ás instalacións desta entidade, situada no concello de Pontevedra, o responsable do centro, José Ángel Abraldes, e mais o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, presentáronlle ao secretario xeral o traballo que levan a cabo para facilitar e fomentar entre as persoas cegas e con deficiencias visuais a lectura, o estudo e o traballo en lingua galega, así como as principais iniciativas para contribuír á plena integración social dos seus afiliados e afiliadas.

Na actualidade, o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra coordina e dirixe a atención educativa nun ámbito de intervención que abarca Galicia, Asturias e Cantabria, coa colaboración das consellerías de Educación das tres comunidades autónomas.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 2011-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES