Notas de prensa

7,2% máis de viaxeiros en Xulio

A Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estadística (INE) revela que Galicia rexistrou no mes de xullo un incremento de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros do 7,2% respecto ó mesmo mes de 2009, previo á celebración do Ano Santo 2010, no que se contabilizaron as mellores cifras de ocupación turística da historia da comunidade.

Este aumento contabilizado no mes de xullo de 2011 respecto ao mesmo período de 2009 tamén se reflectiu nas pernoitas, cunha suba do 3,6%. Estas cifras melloran as rexistradas en xullo de 2009, tanto no que se refire aos niveis de demanda como de ocupación hoteleira. Ademais, o grao de ocupación situouse por riba da cifra rexistrada en xullo de 2009, cando o nivel era do 42,43%. As cifras están comparadas coas do 2009 por tratarse dun período similar, sen acontecementos relevantes como a celebración do Ano Santo 2010.

Así pois, Galicia recupera certo nivel de demanda nos establecementos hoteleiros en comparación cos anos 2008 e 2009, dato que consolida a tendencia positiva amosada no pasado mes de xuño.

En total, durante o mes de xullo os hoteis galegos rexistraron un total de 991.141 pernoctacións, o que sitúa a Galicia como a sétima comunidade no ránking estatal, só por detrás de Baleares, Cataluña, Andalucía, Canarias, Comunidade Valenciana e Madrid. En canto ao número ao número de viaxeiros, Galicia recibiu no mes de xullo a un total de 435.187 turistas, situándose no posto oitavo, por detrás de Cataluña, Andalucía, Baleares, Madrid, Comunidade Valenciana, Canarias e Castela-León.

Ademais, durante o primeiro semestre de 2011, o excursionismo internacional en Galicia incrementouse en máis dun 18% en relación ao mesmo período de 2010. Deste xeito, entre os meses de xaneiro e xuño de 2011, a comunidade galega recibiu a máis de 2,3 millóns de excursionistas estranxeiros, unha cifra superior á rexistrada no primeiro semestre do Ano Santo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo, 2011-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES