Notas de prensa

Cultura remata a restauración e posta en valor do Camiño Francés en San Xil do Carballo

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de rematar as obras de restauración e posta en valor do Camiño Francés ao seu paso polo tramo de San Xil do Carballo no concello lucense de Samos.

Estas actuacións, que contaron cun orzamento de 75.867 euros, enmárcanse no Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago, elaborado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que pretende rehabilitar e acondicionar os espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico do seu entorno co obxectivo de mellorar as condicións para o uso dos seus habitantes e dos peregrinos destas rutas.

A finalidade da intervención neste tramo foi crear no acceso ao casarío de San Xil do Carballo unha serie de áreas de descanso onde os peregrinos e os veciños puideran repousar e contar cunha zona de ocio e relación social vinculada ao Camiño de Santiago. A intervención persegue non só mellorar a imaxe da que goza o peregrino senón dotar de espazos axeitados e de calidade aos veciños que viven ao carón da ruta histórica, mellorando así, dalgún xeito, a súa calidade de vida.

Entre as principais actuacións realizadas destaca a reconstrución dun muro de pedra, para crear un banco e unha zona pavimentada de acceso á aldea que actúe como espazo de benvida a carón dunha zona onde remansa a auga. Asemade, no contorno da igrexa recupérase unha antiga fonte e corríxese a imaxe dunha ponte existente formada por tubos de formigón. Na igrexa actúase minimamente sobre a súa imaxe pintando os revestimentos de cemento, corrixindo a súa visión e mellorando o seu aspecto, o que permite unha posta en valor deste elemento. No pequeno cemiterio corríxese a súa imaxe deturpada e ponse en valor o conxunto eliminado un muro de bloque de formigón que se substituíu por un novo muro de pedra de cachotería de traza e imaxe tradicional e coherente cos valores históricos e paisaxístico do lugar.


Trece actuacións no Camiño Francés

Esta é unha das trece actuacións previstas na primeira fase do Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago, elaborado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que se desenvolverá nun total de doce municipios de Galicia polos que discorre o Camiño Francés. A Consellería de Cultura e Turismo e o Ministerio de Fomento, con cargo ao 1% cultural, asinaron un acordo para o cofinanciamento destas trece actuacións de posta en valor cun orzamento total de 2.750.000 euros. En concreto, inclúe actuacións nos municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela, Monterroso e Palas de Rei na provincia de Lugo; e Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela na provincia da Coruña. O obxectivo da Consellería de Cultura e Turismo é que o Plan se amplíe a todos os Camiños de Santiago no seu desenvolvemento futuro.

Con este programa de actuacións previstas nos tramos do Camiño Francés que precisan unha meirande urxencia, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incide directamente e de xeito inmediato sobre a configuración dos propios camiños de peregrinación, dos lugares de reunión e de uso que se estruturan ao seu redor e dos elementos esenciais que os bordean, limitan e lles dan forma. O Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago pretende rehabilitar e acondicionar os espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico do seu entorno co obxectivo de mellorar as condicións para o uso dos seus habitantes e dos peregrinos. O programa propón a recuperación sustentable e a posta en valor dos lugares de uso comunitario (prazas, fontes ou lavadoiros) que serven de punto de encontro para a celebración de reunións, festas ou actividades comúns nos núcleos rurais. Son espazos de intercambio de cultura e coñecementos que fomentan as actividades sociais e que constitúen sinais de identidade propios e singulares da nosa paisaxe cultural.

Consellería de Cultura e Turismo, 2011-08-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES