Notas de prensa

A ópera barroca Semiramide Riconosciuta, no Teatro Principal

O teatro principal de Santiago acolle o martes 12 de xullo a ópera barroca Semiramide Riconosciuta, unha coprodución do Festival Via Stellae e o certame francés de Beaune. O 13 de xullo a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia interpreta no Auditorio de Galicia a obra Capricho e danza.

O Festival Vía Stellae acolle o martes 12 de xullo no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a ópera barroca Semiramide Riconosciuta, do compositor italiano Nicola Porpora. Trátase dunha recuperación feita en coprodución de Via Stellae co prestixioso Festival de Beaune (Francia), especializado no barroco e que no 2012 cumprirá trinta anos de historia. Vía Stellae é un festival que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do Consorcio de Santiago e o concello compostelán.

A ópera estará interpretada pola Accademia Bizantina, co-dirixida por Ottavio Dantone e Stefano Montanari, considerada como unha das orquestras barrocas europeas de maior prestixio. Ademais, o espazo no que se desenvolverá a actuación, o Teatro Principal de Santiago de Compostela, dota á ópera dun interese moi especial, xa que ademais da súa acústica –moi adaptada ás obras do barroco- para os espectadores son moi poucas as oportunidades de estar tan cerca dos intérpretes, gozando da música practicamente ao carón deles.

A obra Semiramide Riconosciuta estreouse no ano 1729 no Teatro de San Giovanni Grisostomo de Venecia. E a orquestra Accademia Bizantina constituíuse como unha agrupación de instrumentos orixinais fundada en Ravenna hai 28 anos, sendo invitada regularmente ás máis importantes salas, teatros e festivais de Europa, Israel, Xapón, Estados Unidos e Sudamérica. Esta ópera de Porpora estará dirixida nesta ocasión por Stefano Montanari, un dos violinistas especializados no barroco máis recoñecidos internacionalmente, que compaxina a súa intensa actividade como concertista e solista co labor de director da Accademia Bizantina.

O reparto que actuará nesta representación estará encabezado pola contralto francesa Delphine Galou, que interpretará o papel principal, o da princesa exipcia Semiramide. Posuidora dun dos tipos de voz máis infrecuentes no mundo da lírica, Delphine Galou é unha das cantantes francesas con maior proxección na última década. Foi seleccionada como cantante revelación no 2004 no seu país e xa ten actuado nos principais escenarios europeos (Londres, Viena ou París). A contralto parisina estará acompañada pola mezzosoprano francesa Blandine Staskiewicz; o tenor sevillano Juan Sancho; a soprano rumana Teodora Gheorghiu; a mezzosoprano canadiense Mary-Ellen Nesi, e a soprano catalana María Hinojosa, todos eles grandes coñecedores e especialistas neste estilo musical.

Na xornada do mércores, o festival Vía Stellae continúa coa actuación da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, que terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Capricho e danza é o título deste concerto que dirixirá Rubén Gimeno, considerado como un dos valores en alza da dirección orquestral en España. O festival presenta este concerto xurdido como froito do encontro orquestral para novos intérpretes que estes días organiza o Consorcio para Promoción da Música da Coruña, entidade xestora da Sinfónica de Galicia.

A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia está considerada como un dos proxectos educativos máis serios e orixinais do panorama musical español, unha das poucas posibilidades reais de achegar aos futuros músicos profesionais á práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica.

Desde a súa fundación en 1994, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia permitiu a centos de mozos instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos, baixo o maxisterio de mestres como Alberto Zedda, Víctor Pablo Pérez, James Judd, Pietro Rizzo, Michael Gilbert, James Ross ou Joan Company, entre outros. A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, coordinada dende o inicio deste curso académico polo percusionista da OSG Alejandro Sanz, forma parte da familia musical da Sinfónica de Galicia, integrada ademais pola Orquestra de Cámara da OSG, o Coro da OSG, o Coro Joven, os Nenos Cantores e, a máis recentes creación, da Orquestra de Nenos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES