Notas de prensa

Arranca en Ferrol a xira da ópera Os Tres Reás, do CDG

O Centro Dramático Galego inicia en Ferrol a xira do espectáculo musical A ópera dos tres reás. O Teatro Jofre acolle dúas funcións da versión galega do clásico de Brecht e Weill o sábado 4 e o domingo 5 de xullo.

O Centro Dramático Galego (CDG) inicia en Ferrol a xira de A ópera dos tres reás, primeiro gran espectáculo musical da compañía pública, que sube ás táboas da man de Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e con Luis Tosar no papel protagonista. Tanto o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, como a súa ampla distribución dentro e fóra de Galicia, sitúan esta versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento pola compañía da Consellería de Cultura e Turismo.

O Teatro Jofre acolle o sábado 4, ás 22.00 horas, e o domingo 5, ás 20.30 h, senllas funcións que foron presentadas hoxe no Concello de Ferrol por Susana Martínez Galdós, concelleira de Cultura; Blanca Cendán, directora do CDG; Quico Cadaval, director do espectáculo; e Marcos Orsi, actor que interpreta a JJ Peachum. A ópera dos tres reás, que nas súas catro primeiras funcións no Auditorio de Galicia de Santiago foi vista xa por uns 4.000 espectadores, conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, así mesmo, na programación do Ano da Música de Galicia.

Esixente posta en escena

Tosar, para quen o papel de Mackie Messer (Makie da Faca) supón o seu regreso ao teatro tras cinco anos dedicado con grande éxito ao cine e á música, encabeza o destacado elenco de 11 actores-cantantes galegos que enfronta esta esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración: ademais de Luis Tosar, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Begoña Santalices e Sergio Zearreta.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos ¬–Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto –a través do que Blanca Cendán materializa a súa aposta polo teatro musical de gran formato como unha das súas liñas de xestión á fronte do Centro Dramático– figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Universo “brechtiano”

Na adaptación de Quico Cadaval –responsable tamén da dramaturxia–, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada “caleidoscópica” apoia o desenvolvemento desta historia contada –en palabras do seu director– “a través das leis do cabaré”.

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown, xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o “capitán” dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o “maior criminal do mundo”.

Venda de entradas

As entradas para asistir ás funcións de A ópera dos tres reás en Ferrol poden adquirirse a través da web do Teatro Jofre (www.ferrol.es/jofre) ou no Punto de Información Cultural do mesmo teatro, aberto ata o venres de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 h, o sábado 2 de 11.00 a 13.00 e de 19.30 a 22.00 horas e o domingo 3 de 18.00 a 20.30 horas. O preso das localidades é de 15 euros.

Trala súa representación en Ferrol, A ópera dos tres reás continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro. No mes de xullo, presentarase tamén en Pontevedra (días 8 e 9) e en Madrid, con dúas semanas de funcións no Teatro Fernán Gómez a partir do día 20. Outras das localidades incluídas nesta ampla xira son Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (do 9 ao 10 de setembro), A Coruña (16 e 17 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES