
O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de presentar en Bos Aires o Plan Integral da Emigración 2011-2013. En primeiro lugar fíxoo público ante os representantes dos centros galegos da República Arxentina e, posteriormente, ante a prensa da colectividade.
Santiago Camba asegurou que o Goberno galego quixo presentar este plan no exterior antes de presentalo na propia Galicia, posto que os principais afectados e beneficiados serán os galegos residentes fóra do territorio galego. Neste sentido, asegurou que é grazas á emigración que Galicia se ten convertido en universal sendo xa máis un concepto que onde hai un galego está Galicia- que unha terra.
Neste contexto, o Secretario da Emigración expuxo que dado que o ciclo migratorio está concluído, que se rexistra un incremento das segundas e terceiras xeracións de galegos residentes noutras terras e que é preciso afondar na proxección exterior ou internacional de Galicia, o seu departamento trazou este Plan Integral da Emigración para actuacións ata 2013.
O Plan estrutúrase a través de 5 áreas definidas, que son a atención socio-asistencial aos galegos residentes no exterior, a concepción e desenvolvemento da galeguidade, a sociedade do coñecemento na diáspora, xuventude e muller, e atención e planificación do retorno (que inclúe a redacción dunha Lei do Retorno, agora en fase de anteproxecto). Establécense 13 liñas de actuación prioritarias, 36 programas a desenvolver, e 17 accións estratéxicas.
Trece eixos
Entre as trece liñas de acción prioritarias, Santiago Camba salientou especialmente as de xuventude, para incluílos á vida activa das entidades, a de muller para consolidar a súa inclusión á participación nas entidades e nos órganos de decisión da colectividade e o do incremento da eficacia e actividades dos centros galegos. Na súa opinión, en moitos casos estas entidades se atopan envellecidas e corren risco de desaparecer se non se reactivan as súas directivas, obxectivos e funcións na sociedade actual. Hai que camiñar cara á fusión de centros e deseñar unhas entidades galegas de cara ao futuro, argumentou Camba.
Entre as trece liñas de acción prioritarias, tamén destaca o mantemento e potenciación dos programas de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior; do Programa Reencontros; do de axuda socio-asistencial a galegos residentes no exterior en situación de precariedade a través de axudas directas a centros ou comunidades galegas no exterior; de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior; ou o de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior
Outras liñas son a intensificación dos programas de escolas abertas presenciais destinados a cidadáns galegos residentes no exterior; os seminarios de baile-música e cociña tradicional galega dirixido ás entidades galegas no exterior; os cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis CELGA e de extensión cultural, destinados a galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia; programas de axudas e subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a realización de proxectos promovidos pola xuventude; e bolsas para cidadáns galegos no exterior coa fin de realizaren estudos universitarios oficiais e de formación profesional.
Finalmente, completan o paquete desas 13 medidas prioritarias establecidas no Plan Integral da Emigración 2011-2013 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo (dirixido a mozos de orixe galega ou descendentes de galegos que residan no exterior); as subvencións dirixidas a entidades galegas no exterior para realizar accións de información, orientación e asesoramento para emigrantes galegos con vontade de retornar; e as axudas extraordinarias a emigrantes galegos e aos seus familiares.
Mantemento de accións socio asistenciais e nova Lei de Galeguidade
Santiago Camba anunciou ademais que o Goberno galego está a traballar para manter as accións socio asistenciais destinadas á emigración posto que os recortes en políticas sociais repercuten sempre nos sectores máis febles. Así mesmo, durante a rolda de prensa, avanzou que o departamento que dirixe está a traballar no borrador da nova Lei de Galeguidade, para achegala aos novos tempos e polo que se abrirá unha rolda de consultas con institucións e a sociedade no seu conxunto co obxectivo de incorporar ideas e propostas, na medida do posible.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.