
O director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), Eduardo Vidal, en representación da Plataforma Tecnolóxica galega agrolimentaria (Ptgal) e do Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) recibiu, esta mañá, ao responsable do Instituto Tecnolóxico de Pernambuco, Brasil, (www.itep.br) Frederico Cavalcanti, e á investigadora Marcia de Lira.
Na visita, Vidal presentoulles aos convidados a iniciativa do Clúster Alimentario de Galicia e a traxectoria da Ptgal. Posteriormente percorreron diferentes centros e empresas integradas no Clúster-Ptgal. Entre elas, a empresa ams lab (http://www.ams-lab.com/), integrada na Ptgal e que centra a súa actividade na oferta de servizos de análise e investigación no sector agroalimentario; á empresa INNOLACT (Spin-off da USC, concretamente da Aula de Produtos Lácteos, á que tamén visitaron, polo especial interese que teñen manifestado, os convidados, neste sector e pola traxectoria de transferencia desta entidade.
Ademais acudiron a coñecer as novas instalacións do CETAL, no que se integrará o Centro Tecnolóxico Lácteo (CETIL).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.