Notas de prensa

Preséntase o programa de visitas temáticas gratuítas á Cidade da Cultura do Gaiás

Permitir a cada persoa atopar o seu xeito de gozar da Cidade da Cultura, ubicada no Monte Gaiás, é o principal obxectivo do progama de visitas temáticas gratuítas que promove a Consellería de Cultura nestas instalacións. As visitas máxicas e as observacións astronómicas, entre as novidades do programa.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou as tres novas visitas temáticas gratuítas para coñecer a Cidade da Cultura: Visitas máxicas, Camiño ao Gaiás e Un novo lugar para mirar ao ceo. Estes novos programas, enmarcados no apartado Visitar da programación cultural do segundo semestre de 2011, súmanse á oferta diaria de visitas guiadas que se ofertan todos os días –salvo os luns- ás 12.30 horas e ás 18.30.

No acto de presentación tamén participaron o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jose Docobo; o Premio Nacional de Maxia, Martín Barreiro, e a representante do padroado da Fundación USC Deportiva, María Lourdes Batán Airas.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que o obxectivo deste programa é “ofrécelle aos galegos novas e creativas formas de descubrir este complexo cultural”. Roberto Varela explicou que, desde a inauguración dos edificios da Biblioteca e do Arquivo, visitaron o Gaiás 140.000 persoas; unha cifra que, segundo dixo, “é unha boa mostra do interese que está a espertar na nosa terra, e tamén fóra de Galicia”. Por iso, apostou por “valorar a calidade da experiencia e a satisfacción” que supón achegarse á Cidade da Cultura. Neste sentido, sinalou que a maioría das persoas que pasaron polo Gaiás remataron a súa visita expresando o seu desexo de regresar e as enquisas realizadas confirman que a opinión dos visitantes sobre o complexo é mellor que a que tiñan antes de visitalo.

Ante estes datos, o conselleiro concluíu que “coñecer a Cidade da Cultura é o mellor xeito de apreciala” e que por esta razón se pon en marcha este novo abano de posibilidades para visitala. “Un abano diverso e creativo, que permitirá a cadaquén atopar o seu xeito de gozar do Gaiás”, engadiu.

Sobre o programa presentado hoxe, Roberto Varela destacou que se trata de visitas “que asocian ocio e cultura, que unen a maxia coa imaxinación que inspirou as liñas desta cidade”. Tamén engadiu que son visitas “que suman a misteriosa beleza nocturna destes edificios e o pracer de coñecer máis de preto as estrelas, e que crean roteiros que fan a Cidade máis próxima e familiar”. Para rematar, o conselleiro de Cultura asegurou que se está traballando para que aumente o coñecemento da Cidade da Cultura e para “optimizar a relación co público, entender as súas necesidades e ofrecerlles o mellor servizo posible”.

Co fin de abrirse a novos públicos, a Cidade da Cultura organizará este verán estes tres novos tipos de visitas temáticas gratuítas: As Visitas Máxicas, Un novo lugar para mirar ao ceo e Camiño ao Gaiás. Estas actividades, inscritas no apartado Visitar do programa cultural, súmanse ás visitas guiadas que se ofertan todos os días –salvo os luns- ás 12.30 e ás 18.30.

Visitas creativas

Ilusionistas e magos descubrirán aos participantes de Visitas máxicas ao Gaiás os segredos que se agochan na Cidade da Cultura. Guiados polo misterioso François Lafayette (alter ego de Cayetano Lledó), os participantes percorrerán un itinerario onde se irán atopando cos magos Vituco, Martín Camiña ou Romarís, que os sorprenderán con números de escapismo, levitación ou multiplicación de obxectos.

Estas visitas, dirixidas a públicos de todas as idades, celebraranse os domingos de xullo en dous pases, ás 12 e ás 18 horas. Os grupos serán dun máximo de 30 persoas e, aínda que se trata de actividades gratuítas, será preciso reservar praza en www.cidadedacultura.org.
En colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago e recuperando unha actividade que se puxo en marcha o verán pasado con éxito –Un novo lugar para mirar ao ceo-, organizaranse dez sesións nas que os participantes, coa axuda de monitores expertos, aprenderán a identificar constelacións, a ler un planisferio ou contemplar a través de telescopios planetas, estrelas dobres, nebulosas ou galaxias. Os profesores do Ramón María Aller facilitarán, ademais, información sobre os obxectos a observar, datos científicos, mitoloxía ou anécdotas.

As sesións terán lugar os días 1, 8, 22 e 29 de xullo; 5, 12, 19 e 26 de agosto e 2, 9 de setembro. O horario será de 23 a 1 horas en xullo, e de 22.30 a 0.30 horas en agosto e setembro. Haberá un máximo de 100 persoas por grupo. Estas visitas tamén serán de balde, mais será preciso reservar praza en www.cidadedacultura.org.

Ademais, a Cidade da Cultura, en colaboración coa Fundación USC Deportiva da Universidade de Santiago, ofrécese como un novo destino para os amantes do sendeirismo. Os participantes en Camiño ao Gaiás subirán a pé dende o centro histórico de Santiago ata a Cidade da Cultura, onde completarán o seu percorrido cunha visita guiada ao complexo.

A ruta arranca na Praza de San Roque. Segue polo parque de Bonaval para chegar á rúa de San Pedro. Desde alí, accede ao parque de Belvís e, tras atravesar esta zona verde, sube ao Gaiás pola Calzada do Sar. O descenso ten lugar polo acceso principal da Cidade da Cultura e o percorrido chega a súa fin na colexiata de Sar.

Camiño ao Gaiás, actividade que xa tivo lugar o verán pasado cunha excelente acollida, celebrarase todos os mércores de xullo, agosto e setembro. A saída terá lugar ás 17.30 horas e o regreso será ás 20.15. A lonxitude do percorrido é aproximadamente de 6 km. As prazas serán de 25 persoas por grupo. Trátase dunha actividade de balde, mais, como nas outras dúas visitas, cómpre reservar praza en www.cidadedacultura.org.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES