
O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo e NEXUM GALICIA AIE asinaron un protocolo de colaboración para a realización dun proxecto de desenvolvemento tecnolóxico sobre valorización de subprodutos da industria cárnica, concretamente do sangue de porcino, dentro do programa RESIC (Revalorización de Subprodutos de Industrias Cárnicas) do CETAL.
Eduardo Vidal explica que ambas as dúas entidades elaborarán conxuntamente un detallado anteproxecto, nun prazo de 4 meses, onde se establecerán os aspectos básicos de dito proxecto de desenvolvemento tecnolóxico, o seu alcance e contido, así como os condicionantes e límites da súa viabilidade.
O director da Fundación lucense sinala que á vista dos resultados do anteproxecto abordarase o desenvolvemento tecnolóxico propiamente dito e, nunha fase posterior, podería promoverse a creación dunha empresa mercantil para a explotación comercial dos resultados do proxecto, no seu caso.
Contémplase, a súa vez, a posibilidade de establecer convenios de colaboración con universidades, centros tecnolóxicos, industrias, entre outros, para a fase de desenvolvemento tecnolóxico.
O presidente do consello de administración de NEXUM, Adolfo Campos Vázquez, expuxo que esta entidade está integrada por a maioría das principais firmas cárnicas galegas e ten como obxecto a xestión, en beneficio dos seus socios, dos subprodutos de matadoiro. O noso interese prioritario é incorporar innovacións tecnolóxicas que nos permitan conseguir a revalorización dos subprodutos das actividades industriais dos nosos socios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.