
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asegurou que Galicia é o mellor escenario para albergar a evolución do automóbil eléctrico, no marco da inauguración do Simposio Internacional de Electromobilidade, Enerxía e Medio Ambiente, que se celebra até o venres na Zona Franca de Bouzas.
O conselleiro de Economía e Industria lembrou que Galicia sitúase en primeira liña para aplicar un cambio de modelo e, neste contexto, o Goberno da Xunta traballa para facer do noso territorio o escenario máis favorable ao desenvolvemento da rama evolutiva, pola que avanza a automoción eléctrica.
Javier Guerra destacou que desde un primeiro momento o Goberno galego asumiu que o liderado da electromobilidade galega debía cimentarse sobre unha planificación estratéxica concreta. Este deseño facía imprescindible a creación dunha plataforma capaz de coordinar a todos os sectores implicados: A Mesa de Fomento da Mobilidade Eléctrica de Galicia.
Crear o medio máis favorable
Ademais, o titular de Industria sinalou que crear o medio máis favorable para o desenvolvemento desta industria implica deseñar un marco normativo que outorgue seguridade xurídica, técnica e administrativa ao novo modelo.
Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria elaborou un decreto pioneiro que regula as infraestruturas de carga do vehículo eléctrico (ICVE), ao tempo que deseñou o anteproxecto de Lei de Política Industrial co obxectivo de alentar e auspiciar o desenvolvemento de Proxectos Industriais Estratéxicos en Galicia para protexer aquelas propostas de investimento que supoñan unha expansión significativa do tecido industrial galego, a consolidación do mesmo e a creación de emprego.
Eliminación das barreiras de implantación
Por outra banda, o conselleiro Guerra indicou que a Xunta apoia a eliminación das posibles barreiras de implantación do coche eléctrico en Galicia, e como primeiro paso, o Consello da Xunta aprobou recentemente a firma dun convenio, entre a Consellería de Economía e Industria e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), para promover o desenvolvemento dun plan piloto de electromobilidade.
A implantación desta estratexia pioneira implica un investimento de 2,4 millóns de euros, para a posta en marcha de 7 estacións multifuncionais coa compra de 28 vehículos eléctricos, a xestión da frota, a promoción do proxecto demostrativo, así como a análise e a monitorización dos resultados obtidos.
Ademais, Guerra apuntou que a electromobilidade é unha das prioridades da Consellería de Economía e Industria, dentro do Plan re-Móvete Integral de apoio á Industria da Automoción Galega e engadiu que a acción decidida deste Goberno, a través de todas as liñas de apoio ao sector do automóbil, en Galicia, facilitou a mobilización de investimentos por valor de máis de 87 millóns de euros, desde o comezo da lexislatura.
Fotografía: archivo GD / Xunta de Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.