Notas de prensa

O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos nas letras galegas

Dúas alumnas de 3º de ESO do CPR Divino Maestro de Lugo foron as gañadoras do concurso de microrrelatos organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Editorial Rodeira. Patricia Vázquez e Inmaculada Alonso recibiron o seu premio en Santiago de Compostela.

O programa de dinamización lingüística Bocaberta premia o talento dos máis novos nas letras galegas a través do concurso de microrrelatos da actividade A guerra das bruxas, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Editorial Rodeira.

A gañadora e a finalista do concurso, Patricia Vázquez e Inmaculada Alonso, dúas rapazas de 3º de ESO do CPR Divino Maestro de Lugo, recibiron o premio en Santiago de Compostela, nun acto que estivo presidido polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. O secretario xeral felicitou as galardoadas e recordoulles a todos os mozos e mozas que asistiron ao acto –compañeiros e compañeiras das premiadas– que eles son os auténticos protagonistas do programa Bocaberta, unha iniciativa que busca “achegarlles aos máis novos a lingua galega dun xeito lúdico, con actividades ligadas ao seu tempo de lecer e aos seus intereses”. “Con esta iniciativa –engadiu– queremos favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas, un sector prioritario na planificación da actividade dinamizadora da secretaría xeral, e promover unha visión positiva do idioma”.

Pasado, presente e futuro nunha pedra, de Patricia Vázquez, foi o relato gañador do concurso de microrrelatos d’A guerra das bruxas. O texto finalista, da autoría de Inmaculada Alonso, foi O feitizo da besta. Ademais, o xurado decidiu outorgarlle un accésit a Paula Torea, do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña.

Xunto con Anxo Lorenzo tamén participaron no acto, que tivo lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría xeral, Cristina Rubal; a directora da empresa Reverso, Concha Diéguez; e a responsable de edición da Editorial Rodeira, María Xesús Gómez. A representante da editorial, que formou parte do xurado do concurso, destacou “a dificultade que implica unha composición literaria narrativa breve como o microrrelato” e “asegurou que se hai algo complicado é conmover o lector, sacudilo, deixalo abraiado a través dunhas poucas liñas de texto”.

Unha viaxe lúdica pola lingua

O eixo central da actividade de Bocaberta A guerra das bruxas foi a realización de xincanas, para o que a Editorial Rodeira contou coa colaboración da empresa de servizos lingüísticos Reverso. A través da actividade, os rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos puideron realizar unha viaxe lúdica pola lingua baseada na historia do libro O clan da loba. Os mozos e mozas tiveron ocasión de continuar esta viaxe pola rede, a través dunha serie de actividades, entre elas o concurso de microrrelatos, para traballar contidos relacionados coa historia d’O clan da loba, como a cultura popular galega máis máxica, mitolóxica e lendaria.

Bocaberta 2010-2011 foi unha das apostas máis importantes en materia de dinamización lingüística da secretaría xeral, que levou máis de 700 actividades –obradoiros de banda deseñada, concertos para a mocidade e o público infantil, xincanas, espectáculos de maxia, monicreques etc.– polos 315 concellos de Galicia desde outubro de 2010 ata o pasado mes de maio. Para o deseño e execución das actividades que conformaron Bocaberta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contou coa colaboración de 14 artistas e entidades, entre eles editoriais, discográficas e empresas de dinamización propiamente dita: UTE Azou, Eme2, OQOeditora, Editorial Galaxia, El Patito Editorial, Everest, Edicións Xerais, Kalandraka, Tambre, Ir Indo e Rodeira, ademais de Pablo Díaz e Anxo Fariña.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES