
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu na Cidade da Cultura ao escritor e diplomático chileno Jorge Edwards que viaxou a Galicia para intervir nos I Diálogos Literarios do Gaiás coa conferencia Palabra e Realidade. O titular do Goberno galego recibiu ao escritor, crítico literario, xornalista e diplomático, acompañado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.
O escritor chileno Jorge Edwards, que na actualidade é o embaixador de Chile en Francia, acadou notoriedade internacional coa publicación de Persona non grata (1973), libro no que narra as súas experiencias en Cuba despois de que fose declarado persoa non grata e expulsado tras ocupar tres meses o cargo de embaixador na illa do goberno de Salvador Allende. É autor de 11 novelas e 5 contos, ademais de colaborador habitual de diversos diarios tanto en Latinoamérica como en Europa (La Nación de Buenos Aires, Le Monde, El País o Corriere della Sera).
Ao longo da súa traxectoria, recibiu importantes galardóns entre os que destaca o Premio Cervantes en 1999, o Premio Nacional de Literatura en 1994, e o Caballero da Lexión de Honor de Francia en 1999. Actualmente exerce como embaixador de Chile en París por mandato do goberno de Salvador Piñera.
Herdanza dos Diálogos de Mariñán
Os I Diálogos Literarios do Gaiás recollen a herdanza dos Diálogos de Mariñán, que se celebraban anulamente no Pazo de Mariñán (Bergondo) impulsados pola Fundación Carlos Casares en homenaxe á figura deste senlleiro escritor galego falecido en 2002. Na segunda etapa que esta mesma semana inician os Diálogos Literarios, a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura convértese na nova sede. Unha nova sede que contribuirá á difusión e visibilidade dunhas xornadas deseñadas como un espazo de diálogo, intercambio e reflexión, que xira arredor da creación literaria.
Durante a primeira época, na etapa de Mariñán, xa participaron nestas xornadas autores como José Saramago, Ian Gibson, César Antonio Molina, Rosa Regàs ou Manuel Rivas, entre moitos outros. En 2011, coa colaboración do Centro PEN Galicia na organización, os Diálogos do Gaiás terán o privilexio de contar con Jorge Edwards, así como con Ana María Moix, Miran Agur Meabe, Elena Medel, Marcos Calveiro, Sérgio Luís de Carvalho, Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis.
Un referente internacional
O traslado destas xornadas ao Gaiás supón un paso máis na consolidación da Cidade da Cultura como referente internacional. Para acadar este obxectivo, a Cidade da Cultura aposta por unha programación plural, aberta a novas tendencias que contribúan tanto á posta en valor do patrimonio cultural galego como á proxección internacional de Galicia e do Gaiás. Un perfil no que encaixan estes I Diálogos Literarios, que atenden á diversidade lingúística cunha clara vocación internacional.
Fotografía: Xunta de Galicia
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.