O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a declaración de interese público de primeira orde da acuicultura na comunidade, iniciativa que contribuirá á articulación dun marco normativo e administrativo áxil, que evite o estancamento do sector; a continua atención e impulso á formación de I+D no sector; e o apoio a calquera proxecto viable e respectuoso coa ordenación do litoral e á comercialización dos produtos.
O titular do Executivo autonómico resaltou, tamén, que a nivel interno os compromisos desta declaración supoñen a redución dos prazos administrativos de todas as consellerías ou unidades administrativas que teñan que informar calquera expediente relativo a acuicultura en Galicia, namentres que a nivel externo implica a entrada dentro do Plan Estratéxico da Unión Europea.
Neste sentido, Núñez Feijóo subliñou que Galicia quere poñerse á cabeza do sector con esta declaración de interese público, intentando superar a parálise sufrida nos últimos anos e aproveitando o seu potencial para recuperar o liderado acuícola perdido. Para isto, e segundo lembrou Feijóo, esta declaración súmase á recente autorización da primeira planta acuícola nos últimos cinco anos, a de Orella de Mar, en Muros.
Así mesmo, Núñez Feijóo sinalou que o seu Goberno mantén as datas previstas para a presentación do Plan Director da Acuicultura de Galicia, que estará antes do mes de agosto. E para acadar este obxectivo, fixou o mes de xullo como a data que teñen a Consellería do Mar e o resto de consellerías para facer os informes dun complexo plan que debe respectar as Directrices de ordenación do territorio e o Plan do Litoral.
Este plan, proseguiu Feijóo, permitirá inserir distintas posibilidades na costa galega, para que respectando os custes da auga que recollamos do mar, poidamos facer viables as industrias acuícolas que supoñen riqueza para as zonas nas que se instalan, e, por suposto, emprego para unha Comunidade que ten problemas como consecuencia da crise económica.
40 millóns para a formación de traballadores
Por outra banda, o presidente da Xunta anunciou, tamén, un novo acordo en materia laboral que suporá o investimento de 40 millóns de euros destinados á formación de 43.000 traballadores. Esta medida, que segundo expuxo Feijóo nace dos acordos de diálogo social, permitirá apoiar iniciativas de formación, de orientación e de busca de emprego.
Deses 40 millóns de euros, 9 son para entidades, concellos, universidades e organizacións sen ánimo de lucro que desenvolvan labores de información, orientación e busca de emprego mediante a orientación profesional, e, o resto, para accións formativos para eses 43.000 traballadores, incidiu.
Así mesmo, o mandatario galego resaltou o incremento dun 5% da partida orzamentaria destinada a esta materia pese a redución xeral dos presupostos da Xunta nun 11%, feito que permite chegar a 5.000 traballadores máis que o ano pasado.
Por último, e dentro do mesmo campo de adopción de medidas laborais, Feijóo informou da sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos UGT-Galicia, CCOO Galicia e CIG, que persegue cooperar en actividades de prevención de riscos laborais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.