
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, compareceu no Parlamento de Galicia para informar sobre as medidas que está a adoptar a Xunta de Galicia na procura da xestión máis eficiente do sector audiovisual. O conselleiro asegurou que desde a Consellería de Cultura e Turismo estamos consensuando e implementando unha nova estratexia para o audiovisual galego, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e do Consorcio Audiovisual de Galicia, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades e a optimización dos recursos dispoñibles. Neste sentido, apuntou que o seu departamento investirá 6 millóns de euros este ano para paliar os efectos da crise sobre as industrias do audiovisual galego. Segundo anunciou o conselleiro, a Xunta de Galicia está a avanzar ademais nun Plan de Acción inmediato para o audiovisual, que será presentado este ano, que recolla as sensibilidades e necesidades dos magníficos profesionais que temos nesta terra.
Na súa comparecencia, Roberto Varela asegurou que a nova estratexia para o audiovisual galego estase xa a consensuar e implementar da man do sector, co que xa celebramos diversas xuntanzas, tratando de acadar un esquema máis efectivo. O noso fin é lograr un mellor aproveitamento da crise para marcar novos obxectivos estratéxicos que garantan a igualdade de oportunidades e a optimización dos recursos dispoñibles; que impulsen a excelencia e que melloren a competitividade neste sector, apuntou. Do mesmo xeito, segundo o conselleiro, o compromiso, xa en marcha, é dar pulo e viabilidade á creación de produtos audiovisuais galegos de calidade, a través de todos os recursos que estean ao noso alcance.
Roberto Varela destacou na súa intervención que a Xunta de Galicia conseguiu a concentración da desmembración herdada do anterior goberno na procura dunha única política audiovisual totalmente unificada. Así, o conselleiro aseverou que as competencias sobre o audiovisual coordínanse agora dentro do marco da área de Cultura, xa que Cultura preside o Consorcio do Audiovisual, reduciuse o fraccionamento existente eliminando a Axencia Audiovisual Galega e retomamos e reforzamos a coordinación, posto que o sector do cine e do audiovisual está relacionado non só coa cultura, senón tamén cos medios de comunicación, as telecomunicacións e as novas tecnoloxías.
Apoio ao sector audiovisual
O conselleiro de Cultura e Turismo contextualizou o estado do audiovisual galego dentro da complicada situación económica pola que estamos a pasar. En verbas do conselleiro, todas as industrias culturais están pasando por un período de crise como consecuencia do contexto xeral de crise financeira que estamos a vivir en Galicia e no Estado. Roberto Varela incidiu ademais no proceso de adaptación ás novas tecnoloxías e tamén nos efectos da piratería como outros obstáculos do sector. O contexto que hoxe se nos presenta non ten nada que ver co período de abundancia económica dos pasados anos, manifestou o conselleiro.
Ante esta situación, Roberto Varela defendeu que o deber da Administración debe ser apoiar e non desatender a ningún dos nosos sectores culturais e así o estamos a facer. O conselleiro cifrou o apoio ao audiovisual nestes dous anos de lexislatura en 18 millóns de euros en axudas, apenas 1 millón menos que en toda a lexislatura do anterior goberno. Estamos a dar resposta ás necesidades do audiovisual, facendo moito máis con menos recursos, engadiu.
Nesta liña de apoio ao audiovisual, Roberto Varela lembrou como desde o Goberno Autonómico vimos e pechar un Ano Xacobeo no que as nosas industrias culturais foron as absolutas protagonistas. Deste xeito, cifrou as axudas ao audiovisual galego por medio do Xacobeo en máis de 1 millón de euros entre patrocinios a filmes como Os Crebinsky, 18 Comidas ou The Way, documentais, festivais e outras actividades.
Plan de acción
Segundo avanzou o conselleiro, froito das continuas reunións que se están a celebrar cos profesionais do sector a Xunta de Galicia está a elaborar un Plan de Acción inmediato para o audiovisual, que será presentado este ano, que recolla as sensibilidades e necesidades dos magníficos profesionais que temos nesta terra. Estamos escoitando ao sector e refundando unha nova estratexia do audiovisual -responsable e eficiente- para estes tempos de recesión, que garanta a súa expansión creativa e económica, incidiu. Segundo Roberto Varela, a nosa estratexia está clara: saber anticiparnos ás consecuencias da crise económica e da redefinición constante do sector.
A liña de traballo formúlase a partir dos seguintes piares:
- Optimizar os recursos existentes e evitar o solapamento das subvencións públicas. Neste aspecto, o conselleiro sinalou que se reformarán as nosas axudas para facelas complementarias coas estatais, primando a calidade e blindando o apoio ás películas en lingua galega. Crearase ademais unha nova liña para actualización de pantallas de cine aos novos sistemas dixitais e se garantirá un marco estable de apoio aos festivais, incidindo na promoción do audiovisual galego.
- Un Plan de Internacionalización. Nese apartado establécense como prioridades a de potenciar a Galicia Film Commission como oficina de atracción de rodaxes e de promoción do noso tecido industrial. Do mesmo xeito, propiciarase unha maior presenza e recoñecemento do sector no exterior mediante o apoio institucional ás empresas con obra seleccionada en festivais internacionais, a promoción en mercados exteriores e o pulo ás relacións internacionais estratéxicas. A acción exterior contempla tamén o reforzarmento dos Programas de coproducción (Semprecinema Produccións, Raíces e Coproducción Galicia-Brasil) e o impulso aos programas de promoción Curtas e Docs Galicia, así como colaborar neste ano co Instituto Cervantes para a difusión mundial de ambos catálogos.
Respecto á internacionalización, o conselleiro sinalou que o panorama que nos atopamos foi moi negativo, cunha caída das exportacións das nosas industrias culturais dun 71,4% dende 2006 ata o remate da anterior lexislatura. Hoxe, logo da perda de atracción de producións foráneas que herdamos, non só conseguimos traer a Galicia importantes rodaxes (como é o caso de La piel que habito) senón que establecemos un plan de internacionalización que recolle as expectativas do sector, engadiu.
- Un Plan de Formación, que inclúe cursos para profesionais, a nova convocatoria do Programa Audiovisual nas Aulas (recentemente premiado pola Academia de Cine Española), bolsas de estudos e emprego, e o servizo de asesoramento laboral.
- Para mellorar a visibilidade e distribución, afrontarase a remodelación das webs de Agadic e do Consorcio, que incorporarán un apartado para o visionado de contidos audiovisuais, aforrando os elevados custos do sistema anterior (a web flocos.tv). A Xunta de Galicia prevé tamén a presentación do novo portal da Galicia Film Commission e implementación dunha liña de comunicación nas redes sociais.
Potencial do audiovisual galego
O conselleiro Roberto Varela recordou na súa intervención os datos recollidos no primeiro informe sobre o valor das empresas culturais de Galicia promovido pola Xunta, que confirma o potencial dun sector que experimentou na nosa Comunidade un incremento do 2,3% nos últimos dous anos, cun total de preto de 7.000 empresas rexistradas ao inicio de 2010 que facturan anualmente uns 1.000 millóns de euros. O conselleiro engadiu que este sector, xunto co da música, é o que ven de experimentar un crecemento máis acelerado. Para Roberto Varela estes datos reflicten unha evolución que hai tres décadas moi poucos podíamos adiviñar. Neste sentido, recalcou o recoñecemento obtido nestes dous últimos anos polo audiovisual galego que no eido da creación artística nunca estivo mellor. Neste ámbito, subliñou que en Galicia hai actualmente 11 proxectos en estado de rodaxe, unha cifra que pode considerarse positiva en comparación con outras Comunidades (17 rodaxes en Cataluña e 5 no País Vasco).
No seu discurso, Roberto Varela rexeitou a idea de que os actuais éxitos do audiovisual galego son froito da política do bipartito. Neste sentido, desbotou tal argumento asegurando que de entre as 12 películas máis vistas entre os anos 2001 e 2009 só hai dúas subvencionadas no período bipartito. A este respecto, o responsable de Cultura e Turismo indicou que o estado do audiovisual en Galicia segue a ser bo e apuntou que se hoxe gozamos dun sector netamente galego, puxante e moderno é debido ao claro recoñecemento inicial do seu potencial cultural e económico por parte da Xunta de Galicia.
Ao fío desta idea, lembrou que o Goberno Autonómico traballa con todos os medios á súa disposición para avanzar na mellora da xestión de todas e cada unha das nosas industrias culturais e recoñeceu que, na súa maior parte, o espectacular desenvolvemento do audiovisual galego é froito do traballo, do talento, da visión estratéxica e da creatividade dos seus profesionais.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.