A Xunta de Galicia vén de convocar as bolsas para deportistas galegos de alto nivel, orientadas a apoiar a súa preparación, especialmente de cara aos xogos olímpicos e paralímpicos de Londres do ano 2012. O Diario Oficial de Galicia publica esta convocatoria da Fundación Deporte Galego, que está dotada cun orzamento de 450.000 euros.
A convocatoria reflicte 3 liñas de axudas. Así, os deportistas que xa participaron nos xogos olímpicos ou paralímpicos do ano 2008 e se manteñan na carreira olímpica, como é o caso Carlos Pérez, David Cal, Teresa Portela, Antón Paz ou Javier Gómez Noya, recibirán unha bolsa De Pequín 08 a Londres 2012, cuxo importe poderá chegar a 18.000 euros.
En segundo lugar, ás bolsas Destino Londres 2012 optarán aqueles deportistas que non participaron anteriormente nun xogos olímpicos pero actualmente forman parte dos programas de preparación das federacións, e están en condicións de participar en probas válidas para acadar a clasificación para Londres 2012 e de obter a citada clasificación. Neste grupo de deportistas poderían estar o loitador José Cuba, a regatista Tamara Echegoyen ou a taekwondista Estefanía Hernández, entre outros. Estas axudas poderán chegar aos 6.000 euros.
Das axudas Acceso olímpico, Alto rendemento e Tecnificación beneficiaranse o resto de deportistas galegos que, ben por practicar modalidades non olímpicas ou por non estar en disposición de intentar a clasificación para Londres 2012, non opten ás bolsas anteriores. Estas axudas poderán chegar aos 6.000 euros.
As bases da convocatoria están publicadas na web www.deportegalego.es. As solicitudes pódese presentar desde hoxe mesmo ata o vindeiro 18 de xuño incluído.
Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do programa Galicia-Londres 2012, cuxo obxectivo é o de incrementar a presenza de deportistas galegos nos xogos olímpicos e paralímpicos do vindeiro ano. A primeira parte deste programa púxose en marcha a finais do 2010, asinando convenios con diferentes federacións galegas para desenvolver actuacións con aqueles deportistas que están ás portas da súa clasificación olímpica. Con estes convenios estase a sufragar tanto a realización de adestramentos de calidade como a participación en competicións internacionais para que poidan elevar o seu nivel deportivo. Destes convenios beneficiáronse deportistas como José Cuba, Estefanía Hernández, Beatriz Gómez e Miguel Romero, entre outros.
O pasado 28 de marzo presentábase o acordo entre os departamentos dirixidos por Carmen Pardo e José Ramón Lete, secretarios xerais de Turismo e Deporte, respectivamente, polo que a marca Galicia, gárdasme o segredo? sería a imaxe deste programa Galicia-Londres 2012. Os deportistas converteranse nos mellores embaixadores de Galicia ao lucir, na súa equipación deportiva, a nova marca de Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.