Notas de prensa

Aposta institucional polas tecnoloxías da lingua galega

A xornada Letras Galegas e Internet acolleu a presentación das principais novidades en tecnoloxías da fala e da información e da comunicación en galego como ecursos para a corrección e a tradución de textos, dicionarios, formación en liña e programas informáticos.

A Xunta de Galicia aposta polas tecnoloxías da lingua galega como obxectivo transversal de goberno. Con este fin, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou a xornada Letras Galegas e Internet, que busca contribuír á difusión das novas ferramentas tecnolóxicas en galego dispoñibles na rede, para que cada vez sexan máis coñecidas e utilizadas polo conxunto da cidadanía. A xornada, na que se presentaron algunhas das principais novidades en tecnoloxías da fala e da información e da comunicación en lingua galega, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas.

Ferramentas para a corrección e a tradución de textos, dicionarios en liña, sistemas de teleformación, programas informáticos de software libre e propietario, o libro electrónico, terminais móbiles, recursos audiovisuais e produtos para o público infantil dispoñibles en Internet foron os principais eixos temáticos da xornada, que tivo lugar esta mañá no Centro Multimedia de Galicia, en Santiago de Compostela, e que tamén se puido seguir en directo a través da rede.

Internet é hoxe un dos medios máis estratéxicos, por iso “a presenza do galego na rede é imprescindible para garantir que os galegos poidamos desenvolver nesta lingua os nosos actos cotiáns de vida e tamén para garantir o futuro do noso idioma e o noso futuro como falantes”. Así o afirmou na clausura da xornada o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, quen tamén salientou que “unir galego e tecnoloxía é favorecer o uso do idioma, o aumento do seu prestixio e mesmo a súa presenza e recoñecemento internacional”.

O galego en internet: maior difusión social

Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou durante a inauguración da xornada que “a importancia da presenza do galego nas tecnoloxías radica na súa relevancia para a difusión social da lingua”. Isto explícase, en primeiro lugar, porque “Internet é actualmente o maior medio de comunicación que existe e por iso a presenza do galego neste medio é imprescindible para a súa normalización”, dixo. En segundo lugar, porque “a presenza do galego en Internet asegura un incremento da percepción do prestixio social e da utilidade do galego, aspectos clave para a recuperación do seu uso”, asegurou. En terceiro lugar, Anxo Lorenzo afirmou que “a presenza do galego en Internet e nas novas tecnoloxías garante o seu coñecemento e recoñecemento internacional que precisa a lingua propia de Galicia”.

Lingua galega e tecnoloxías, obxectivos transversais
A lingua galega e as novas tecnoloxías son un elemento transversal nos diferentes ámbitos da sociedade e, en consecuencia, tamén nos obxectivos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Por iso, a xornada Letras Galegas e Internet contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios, a través do Centro Multimedia de Galicia. O responsable do departamento, Alfonso Cabaleiro, participou xunto con Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo na clausura da xornada.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica tamén colaborou na xornada. A responsable deste departamento, Mar Pereira, expuxo durante a inauguración as principais liñas de traballo que se están a desenvolver para facilitar ferramentas informáticas dispoñibles en galego. Así, destacou que, “por primeira vez, este ano publicouse unha liña de axudas para subvencionar a creación de materiais educativos dixitais en galego”. Esta media complétase coa convocatoria, tamén por primeira vez, duns premios dirixidos a potenciar a elaboración de materiais docentes de calidade por parte dos profesores, unha actuación que se enmarca na estratexia do Proxecto ABALAR.

Mar Pereira tamén destacou os bos resultados conseguidos co Plan de Acción de Fomento do Software Libre posto en marcha en 2010 e puxo de manifesto a importancia do traballo realizado pola Asociación Proxecto Trasno, que levou a cabo a tradución ao galego de diversos aplicativos de sofware libre.

Finalmente, o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas explicou que desde a Consellería de Cultura e Turismo se está a encarar a adaptación do sector editorial aos novos tempos marcados pola tecnoloxía “establecendo o préstamo electrónico e ofrecendo o soporte de descarga; estamos traballando na adaptación dos nosos espazos web para darlle á cidadanía un servizo de calidade, no que poida atopar os contidos dispoñibles en calquera outra cultura e no que o libro galego teña un escaparate acorde cos tempos nos que nos movemos”. Segundo Francisco López, os correctores, buscadores terminolóxicos, asistentes web e os dispositivos dixitais en xeral están conseguindo “democratizar a lingua na súa precisión e na súa capacidade de expresión”. “Todos estes novos recursos electrónicos servirán como instrumento para achegar o libro e a lectura á nosa sociedade e, ao mesmo tempo, que a gran capacidade creadora e editora de Galicia se manifeste e poida darlle á nova cultura global a súa voz auténtica”, engadiu.

Novas ferramentas en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora no desenvolvemento dalgunhas dos proxectos que se deron a coñecer na xornada. É o caso do BuscaTermos, presentado por Xusto Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela; ou do novo corrector de textos Galgo, do que falou José R. Pichel, de Imaxin. Nesta liña de ferramentas que inciden nunha maior calidade do galego escrito tamén se incluíu a tradución en liña, da que falou Liliana Martínez, do Termigal.

O dicionario en liña constitúe outra ferramenta de grande utilidade para a lingua. Un exemplo constitúeo o Digalego, de Ir Indo, que foi presentado na xornada polo director da editorial, Bieito Ledo. Outro dicionario, que neste caso busca favorecer o asentamento dun estándar oral galego, é o dicionario de pronuncia da lingua galega locutado, que foi presentado polo seu responsable, o profesor Xosé Luís Regueira, do Instituto da Lingua Galega. As presentacións dos novos programas informáticos en galego correron a cargo de Antón Méixome, de LibreOffice, que falou dos proxectos de software libre, e de Óscar Senra, de Imaxin, que se centrou nos recursos de software propietario.

O xornalista Manuel Gago foi o encargado de realizar un repaso polos principais recursos audiovisuais na rede, mentres que dos novos títulos electrónicos en galego se encargou Ánxela Chillón, da Editorial Galaxia.

Os novos sistema de formación en liña, os recursos para a etapa infantil na rede e os terminais das compañías telefónicas foron outros dos temas que se trataron na xornada e que correron a cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Finalmente, o relatorio sobre o dominio .gal, que foi presentado por Camilo Regueiro, da Asociación .gal, pechou as presentacións da xornada.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES