
A Cidade da Cultura de Galicia estrea o domingo 22 de maio o ciclo de teatro infantil Titemá. Organizado pola compañía galega Galitoon, os espectáculos combinan o uso de muppets clásicos, do tipo dos que aparecen en programas tan populares como Barrio Sésamo ou en producións como o O Cristal Oscuro, con técnicas máis anovadoras, como monicreques luminosos, creando unha plasticidade que atrapa a atención dos pequenos.
As historias de Titemá familiarizarán aos rapaces co mundo do jazz, da pintura ou da linguaxe, ao mesmo tempo que difunden valores como a tolerancia, a creatividade ou o achegamento da cultura galega aos mais novos. Os espectáculos terán lugar no Auditorio da Biblioteca de Galicia os domingos e haberá dous pases, ás 12 horas e ás 17 horas. Todos serán gratuítos.
O ciclo arrinca co Botazz, o swing do jazz (22 de maio), pensado para un público a partir dos tres anos. Inspirándose na estética dos debuxos animados da década dos cincuenta e dos sesenta, como Tom e Jerry, Snoopy ou Betty Boop, os nenos coñecerán ao mundo do jazz da man do can Botazz.
Despois será a quenda de Babiliglub (29 de maio), un espectáculo de monicreques luminosos que flotan na escuridade para nenos a partir dun ano. Trátase dunha historia que xira en torno a aceptación da diferenza, na que un peixe que só sabe pronunciar a palabra Miau! sofre a intolerancia de todos os habitantes do mar que só saben dicir Non!.
Os limóns, chiquitos pero matóns (5 de xuño) levará aos pequenos ao universo de Luís Seoane. Este peza teatral, que conta a historia de tres limóns emperrados en facerse mariñeiros, utiliza os cadros do xenial pintor galego como viñetas para esta historia infantil. O ciclo rematará ca historia de Rosalía, a pulga que escribía (12 de xuño), espectáculo que emprega a técnica dos monicreques sobre mesa e que vai dirixido a rapaces a partir dos dous anos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.