Notas de prensa

A X Bienal Pintor Laxeiro consolida artistas e impulsa valores emerxentes

Na inauguración da X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, no Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, o conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que este certame “atesoura dúas décadas de firme aposta pola difusión das artes plásticas e da cultura galega, feito que nos permite ser testemuñas das novas creacións artísticas”.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu no Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín á inauguración da X Bienal Internacional Pintor Laxeiro. Segundo o conselleiro, a existencia deste tipo de certames “fortalecen o pulo artístico do noso país, axudan a consolidar a autores de longa traxectoria, e dan a coñecer a obra de artistas emerxentes que quizais pronto se convertan nos novos Laxeiro ou Lamazares”. Ao acto asistiron ademais o alcalde de Lalín, José Crespo, e o artista Antón Lamazares.

Para Roberto Varela, esta Bienal, “que atesoura dúas décadas de firme aposta pola difusión das artes plásticas e da cultura galega, permitiranos ser testemuñas dunha nova mostra do milagre cotián das artes plásticas, un milagre que, xa sexa en pintura, escultura ou fotografía abunda en Galicia”. Varela asegurou que a X Bienal, “axudará a dar continuidade ao brillante legado de xenialidade que Laxeiro lle regalou á nosa terra”.

Segundo o titular de Cultura e Turismo, Laxeiro foi “un artista de vangarda, inquedo e rompedor que, xunto a nomes tan fundamentais como os de Seoane, Colmeiro Maside, Díaz Pardo ou Souto, rachou cunha tradición pictórica galega que ficara un tanto estancada no pasado”. “Supuxo unha ponte brillante e necesaria coa modernidade e converteuse nun referente obrigado para as novas xeracións de artistas da nosa terra”, aseverou.

Asemade, o conselleiro salientou que “grazas en boa medida ao xenio de Laxeiro e dos anovadores da plástica galega, hoxe podemos contar con creadores da talla de Lamazares”, o que cualificou como “un moi digno herdeiro do seu mestre”. Roberto Varela afirmou que na actualidade a obra de Laxeiro e de Lamazares é “coñecida, estudada e apreciada por expertos, críticos e coleccionistas do país e de fóra del”, e explicou que entrambos percorreron medio mundo: A Habana, París, Bos Aires, Nova York, Madrid ou Berlín.

O conselleiro recordou “a gran pegada da terra” na obra destes dous artistas, “o íntimo sabor do Deza que está sempre presente, posto que é doado identificar nos seus traballos o rastro da Galicia que eles viviron, as parroquias de Donramiro e Maceira, nas que naceron e que coñecen tan ben”. “Parroquias que teñen viaxado canda eles polo mundo adiante, e que eles fixeron universais, porque, como escribiu Laxeiro, a pintura galega é pintura universal e, de non ser así, non é pintura galega”, engadiu.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES