O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participou na presentación do libro A Catedral de Santiago. Beleza e Misterio, editado polo Consorcio de Santiago en conmemoración do VIII Centenario da Catedral de Santiago de Compostela. O conselleiro avogou por aproveitar a oportunidade única que a Catedral de Santiago, o Camiño e o Xacobeo nos ofrecen para situar permanentemente a Galicia nunha posición central a nivel cultural e turístico.
Roberto Varela asegurou que a consolidación do Camiño de Santiago como principal meta de peregrinación de Occidente na Idade Media tivo unha relación directa co desenvolvemento de Europa. A transmisión de coñecementos, de correntes artísticas e de técnicas de creación que se produciu ao longo das rutas xacobeas supuxo un indiscutible enriquecemento para a cultura occidental, engadiu.
Neste eido, o responsable de Cultura e Turismo recordou que un dos meirandes legados dese vizoso intercambio cultural é sen dúbida a Catedral de Santiago. Segundo o conselleiro, estamos a falar dun dos monumentos máis representativos da arte medieval, que ademais de ser símbolo máximo do fenómeno xacobeo e meta obrigada para os peregrinos, é unha obra mestra da cultura universal.
No ano no que celebramos o Oitavo Centenario da Consagración do templo compostelán, o conselleiro apostou por continuar afondando no coñecemento dos infinitos segredos da Catedral. Nese sentido, Varela asegurou que a publicación presentada hoxe contribuirá á difusión deste patrimonio, mediante unha viaxe profusamente ilustrada e moi ben documentada pola historia catedralicia, porque botar unha ollada aos avatares da construción da Catedral significa percorrer varios séculos de evolución da arte occidental.
Roberto Varela anunciou que, tras o éxito do Xacobeo 2010, dende a Consellería de Cultura e Turismo continuaremos apostando pola promoción turística e cultural do Camiño en Europa e no mundo. O conselleiro recordou que hai un mes estivo na localidade francesa de Le Puy-en-Velay, de onde parte cara a Santiago a histórica Via Podiensis, e onde firmou os estatutos dunha nova rede de colectividades europeas atravesadas polas rutas xacobeas. Así mesmo, o titular de Cultura tivo onte a oportunidade de asinar un novo acordo de colaboración para a promoción turística coa rexión italiana de Trentino, na que existe unha gran tradición de culto ao Apóstolo dende o século XV.
En palabras do conselleiro, Santiago e Galicia teñen a sorte de seren meta do Camiño e fogar da Catedral, mais o Xacobeo é un fenómeno universal. Durante séculos o Camiño ten sido unha arteria fundamental para o progreso e a dinamización de Europa e, grazas a el, Galicia pasou de ser a fin do mundo para converterse nun lugar de referencia, asegurou. Segundo Roberto Varela, o renacemento que ten experimentado o Xacobeo na últimas décadas outórganos a oportunidade de establecer contactos e intercambios con culturas de todo o mundo, e supón unha canle extraordinaria para transmitir a nosa identidade e as nosas manifestacións.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.