
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou no Pazo de San Marcos o VI Rallye Comarca da Ulloa, que se disputará entre os días 6, 7 e 8 de maio nos concellos de Palas de Rei e Monterroso. Xunto a Antón Bao estiveron na presentación do rally o presidente da Escudaría da Ulloa, Luís Vilariño, o subdelegado do goberno en Lugo, Xesús Vázquez Portomenñe, os representantes dos concellos de Monterroso e Palas de Rei, o alcalde Antonio Gato e tenente de alcalde de Palas, Pablo Taboada, mailo piloto meirego Sergio Vallejo.
Na súa intervención, Antón Bao destacou que a Área de Deportes da Deputación colaborou sempre co Rally da Ulloa desde a súa primeira edición, contribuíndo deste xeito a instaurar na comarca unha proba automobilística que se consagrou no mundo do motor galego nestes tres anos grazas ao seu poder de convocatoria e ao éxito de participación. Bao fixo referencia a que esta proba, a terceira do calendario automobilístico galego, conta cunha alta participación de equipos de referencia que aproveitan para rodar os seus vehículos de cara á competición. Antón Bao sinalou que a Deputación apoiou decididamente esta proba xa que constitúe, non hai que esquecelo, un importante axente dinamizador socioeconómico con capacidade para xerar beneficios no sector hostaleiro e turístico da comarca. Tal como recordou o vicepresidente da Deputación, calcúlase que son preto de 30.000 as persoas que acoden a presenciar o rally da Ulloa, polo que o impacto e repercusión que isto ten na economía local é moi importante e algo que ter en conta á hora de organizar competicións deportivas deste tipo. Antón Bao aludiu á capacidade dun evento como o rally para dinamizar o sector turístico e desexou que todo sexa un éxito tal e como se augura.
Pola súa banda, Luís Vilariño, presidente da Escudaría da Ulloa organizadora do evento-, agradeceu á Deputación de Lugo todo o apoio que desde a Área de Deportes se lle brinda á organización do Rally Comarca da Ulloa desde a súa posta en marcha e explicou que este ano, grazas á iniciativa da Deputación para habilitar zonas especiais para persoas con mobilidade reducida, o tramo espectáculo de Monterroso contará cun destes lugares perfectamente acondicionado, que garanta as máximas medidas de seguridade e cuns accesos doados.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.