Notas de prensa

Espello Cóncavo presenta Limpeza de sangue

Sergio Zearreta e Xavier Pan encabezan o elenco deste drama interpretando a amizade que xurde nunha sala de diálise entre dous homes de mundos antagónicos. Recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2005, o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007 e o María Casares 2011.

A compañía coruñesa Espello Cóncavo pon sobre as táboas do Salón Teatro de Santiago Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), unha das pezas máis galardoadas da nova dramaturxia galega, da que é autor Rubén Ruibal. A forza narrativa do texto, un inxente traballo actoral e unha escenografía moi influenciada polo cinema caracterizan esta montaxe dirixida por Arturo López, que poderá verse no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) o xoves día 5 e o venres día 6 ás 20.30 horas.

A peza, que lle valeu ao seu autor o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais do ano 2005, o Premio Nacional de Literatura Dramática de 2007 e o Premio María Casares 2011 ao mellor texto teatral en galego, sitúa na cidade da Coruña e cunha estética urbana unha trama que trata temas eternos, como son o medo á morte e a marxinalidade por medio de dous personaxes unidos polo preto que andan do delito e, sobre todo, polo preto que andan da dor e da morte.

Sergio Zearreta e Xavier Pan, nos papeis e Fernando e Pantaleón respectivamente, encabezan o elenco deste drama no que interpretan a un ex toxicómano en paro e a un arquitecto de éxito implicado nunha estafa no sector da construción. Procedentes de mundos aparentemente opostos, pero igualados pola mesma enfermidade, vense obrigados a facerse mutua compañía na sala de diálise dun hospital á espera dun transplante ou do inevitable pasamento. Mentres purifican o seu sangue, ven nacer unha amizade inimaxinable en medio da corrupción, a violencia e a inxustiza.

Máis de trinta escenas

Ademais de Zearreta e Pan, completan o equipo actoral Oswaldo Digón, Gari, Teresa Horro, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, “Tito”, Estíbaliz Veiga e un pequeno “cameo” do propio director Arturo López. Estes once actores e actrices son tamén os encargados de cambiar os decorados para as máis de trinta escenas en distintos ambientes nos que se desenvolve a historia.

Na produción de Espello Cóncavo tamén colaboraron Eduardo Alonso no deseño da iluminación, Nani García na música e Rodrigo Roel na escenografía e vestiario.

Homenaxe a Vidal Bolaño

Rubén Ruibal comezou a escribir Limpeza de sangue tras a morte de Roberto Vidal Bolaño e o peche da compañía Teatro do Aquí. “Fíxeno”, asegura o dramaturgo ribadense, “como unha homenaxe ao mestre e á compañía na que vivín os meus mellores anos no teatro”. Ten explicado tamén Ruibal que o punto de partida foi unha das pezas máis coñecidas do gran nome do teatro galego contemporáneo, Doentes, unha obra sobre a enfermidade coa que tenta participar nun xogo imposible con O príncipe e o mendigo, de Mark Twain.

As entradas para as dúas funcións de Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES