
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou o obradoiro sobre Mobilidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, onde incidiu na necesidade de facilitar a compatibilidade dos sistemas de peaxes, de tal xeito que as novas peaxes postas en marcha no Norte de Portugal non sexan unha traba para a circulación de persoas e mercancías e se reduza así o seu impacto na economía da Eurorrexión.
Esta é unha das peticións que se desprende do Estudo sobre a Interoperabilidade entre os sistemas de peaxes Galicia-Norte de Portugal que presentou a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Vigo, organizadora do seminario. A AECT seleccionou a cuestión da mobilidade eurorrexional como un dos seus eixes estratéxicos e de traballo para este ano 2011, especialmente pola súa influencia nas relacións transfronteirizas.
Segundo explicou Rueda, as novas tarifas de peaxes obrigatorias nas chamadas SCUT portuguesas están a ter un impacto claramente negativo nos intercambios comerciais e no fluxo turístico existente entre ambas rexións que poderían agravarse neste ano, como consecuencia dos problemas económicos de Portugal.
Así, a situación merece un amplo estudo e dos seus impactos, especialmente se temos en conta que o verdadeiro motor da economía eurorrexional atopase repartido entre as numerosas PEMES e autónomos galaico-portugueses, aos que se lle elevan os custes, e que vén diminuír o seu número de clientes potenciais a ambos lados da fronteira.
Por estes motivos, o conselleiro de Presidencia avogou porque nun momento de crise económica e de incerteza, como é o actual, o reto da cohesión territorial -complementaria a cohesión económica e social- sexa cada vez máis urxente, e de aí a necesidade de abordar a cuestión da mobilidade na Eurorrexión.
Así, na xornada de hoxe, ademais de analizar a interoperabilidade das peaxes electrónicas, presentarase tamén a Guía dos transportes Galicia-Norte de Portugal, que pretende ser unha ferramenta de fácil acceso aos medios de transporte dispoñibles na Eurorrexión e que xa está dispoñible na web da AECT.
Ademais, a segunda parte do obradoiro estará adicada á sustentabilidade da mobilidade transfronteiriza, posto que é preciso vertebrar unha verdadeira estratexia neste eido para acadar o obxectivo de cohesión. Esta estratexia, explicou Rueda, pasa por conxugar conectividade e intermodalidade, incluíndo a reivindicación dun tren de Alta Velocidade Vigo-Porto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.